Ir o contido principal

Un equipo da USC proba en peixes cebra substancias que poderían ser claves en pacientes con dano medular

Os peixes cebra teñen un desenvolvemento rápido, o que facilita as investigacións
Os peixes cebra teñen un desenvolvemento rápido, o que facilita as investigacións
A investigación aborda tamén os posibles efectos secundarios dos tratamentos con antiinflamatorios non esteroideos

As prostaglandinas, substancias que producen os animais —entre eles os seres humanos—, xogan un papel clave para promover a xeración de novas neuronas na medula espiñal dos peixes cebra, segundo concluíu unha investigación realizada por un equipo da Facultade de Bioloxía da USC que agora acaba de publicarse na revista Cell Proliferation. O traballo, titulado ‘An in vivo drug screen in zebrafish reveals that cyclooxygenase 2-derived prostaglandin D2 promotes spinal cord neurogenesis’, é da autoría de Laura González Llera, Daniel Sobrido Cameán, Ana Quelle Regaldie, Laura Sánchez Piñón e Antón Barreiro Iglesias, coordinador do equipo. Estes novos achados poderían ser cruciais no futuro para tratar pacientes con dano medular.

O estudo, segundo o profesor Barreiro, centrouse en “analizar o desenvolvemento do sistema nervioso” duns peixes tropicais coñecidos como peixes cebra, que se desenvolven moi rapidamente, e comprobar os efectos que producían neles diferentes fármacos, en concreto na produción de neuronas na medula espiñal, algo que facilitan estes peixes, xa que a súa pel é transparente. Un dos descubrimentos realizados foi que as prostaglandinas “promoven a xeración de neuronas na medula espiñal” deste tipo de peixes, mentres que fármacos antiinflamatorios non esteroideos coma o ibuprofeno inhiben a produción de prostaglandinas e reducen a xeración de neuronas.

A partir de aí ábrense novas vías de investigación. Por unha banda, será necesario realizar novos experimentos para comprobar se as prostaglandinas actúan igual en mamíferos e son tamén neles “unha vía de sinalización celular que promove a xeración de neuronas”, apunta o profesor, o que abriría a posibilidade de empregalas para promover a recuperación tras o dano medular. E pola outra, será preciso investigar se fármacos coma o ibuprofeno poden ter tamén nos mamíferos, e especialmente nas persoas, o mesmo efecto que nos peixes, o que podería facer recomendable unha maior restrición do uso destes fármacos por exemplo nas mulleres embarazadas ou a reavaliación do seu emprego no tratamento de lesións medulares.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.01.2024.