Ir o contido principal

O equipo da USC que traballa no proxecto europeo SPREE presenta os seus resultados centrados na viticultura das Rías Baixas

Estudan a política de servicizing para unha economía recurso-eficiente

Avanzar no desenvolvemento dunha Europa recurso-eficiente, caracterizada polo “absolute decoupling” ou disociación do crecemento económico do impacto ambiental. Esa é a finalidade do Proxecto SPREE (Política de servicizing para unha economía recurso-eficiente) que este venres 26 celebra unha xuntanza de traballo na que o equipo da USC presentará os seus resultados. O consorcio internacional que forma SPREE consta de dez socios de sete estados membro e países asociados (Reino Unido, Suecia, Países Baixos, España, Lituania, Finlandia e Israel), entre os que se atopa un equipo da USC que liderou o estudo no sector agroalimentario tomando como caso concreto a viticultura das Rías Baixas para fomentar a adopción de servizos de protección de cultivos. Como resultado final elaboraron un paquete de políticas para promover a adopción de servizos na protección de pragas no sector da viticultura que cumpra os requisitos de viabilidade e de implementabilidade. A xornada dará comezo ás 10.00 horas Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa intervención do catedrático de Economía Aplicada da USC e coordinador do equipo da USC, Xavier Vence Deza, a quen lle seguirán outros expertos do grupo ICEDE da Universidade compostelá autor do estudo. SPREE O obxectivo do Proxecto SPREE é identificar potenciais ‘Programas de políticas de servicizing’ para establecer sistemas que faciliten unha transición da venta de produtos á prestación de servizos. SPREE simula os seus efectos sobre o desacoplamento absoluto entre o crecemento económico e o uso de recursos en tres sectores: auga, mobilidade e agroalimentario.

O resultado clave do proxecto son eses programas de políticas de servicizing, que aproveitarán as sinerxías existentes para acadar unha verdadeira economía sustentable, onde o crecemento económico se desacople do impacto medioambiental, ao tempo que se acadan obxectivos sociais como o incremento da calidade de vida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2015.