Equipos directivos e de orientación de centros de ensino medio de Galicia reúnense con responsables da USC
Os equipos directivos e de orientación de máis dun cento de centros de ensino medio de toda Galicia reuniranse este venres 26 en Santiago con responsables da USC para tratar cuestións de interese para o alumnado que cursa o derradeiro ano de ensino secundario.
A reunión, enmarcada no Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ presidiraa ás 11.00 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o reitor Antonio López, que lles agradecerá a boa acollida que ten a Universidade compostelá nos centros de secundaria. Asisten tamén o alcalde da cidade, Martiño Noriega; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o delegado do reitor para asuntos de Ensino Medio, Celso Rodríguez, e o responsable do Programa A Ponte no Campus de Lugo, Francisco Javier González.
Como en anos anteriores, na xuntanza trataranse temas como a organización de actos informativos, visitas aos centros, charlas temáticas, programas de bolsas e axudas ao estudantado, titulacións e probas de acceso á Universidade. Ademais, persoal da área de Cultura e Deportes explicará nunha charla todo o programa de actividades que organiza.