Erasmus das tres universidades galegas participaron nun encontro en Santiago

Un grupo de estudantes Erasmus participou este mércores en Santiago no encontro que anualmente organizan as tres Universidades galegas para dar a coñecer o sistema universitario á vez que achegarlles o contorno social e cultural dos lugares nos que estudan. Con carácter rotatorio, este ano correspondeulle á institución compostelá reunir a todos os estudantes nunha xornada lúdica na que visitaron distintas dependencias da cidade. O grupo de alumnos foi recibido no Salón Nobre de Fonseca polo vicerreitor de Estudantes da USC, Francisco Durán. A continuación dirixíronse ao Pazo de Raxoi onde os concelleiros Mercedes Rosón e Andrés Fariña os acompañaron por un percorrido polo edificio. Seguidamente participaron nunha visita guiada pola Cidade da Cultura. Neste encontro os estudantes estiveron acompañados de representantes das tres Universidades galegas. Da USC participaron a vicerreitora adxunta para estudos de Grao e Posgrao, Isabel González Rey, o asesor de USC Internacional Jacobo Feás, e a directora da Oficina de Información Universitaria, Maribel Braña. Pola Universidade de Vigo asistiron o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manolo Fernández; o director da Oficina de Relacións Internacionais, Anselmo Seoane, e a técnica Eva Garea. Da Coruña estaba a vicerreitora de Estudantes, María José Martínez, e o técnico de Relacións Internacionais, Jorge Longarela.