Nova ERC 'Proof of Concept' para investigar novas ferramentas antitumorais
O European Research Council (ERC, Consello Europeo de Investigación) vén de conceder unha nova axuda Proof of Concept (PoC, 'Proba de Concepto') ao proxecto antiCSC, dirixido polo profesor José Luis Mascareñas, director científico do CiQUS. O apoio da máxima institución comunitaria en materia de investigación servirá para financiar o deseño e desenvolvemento de compostos químicos baseados en metais, capaces de actuar de forma selectiva sobre o metabolismo das células nai do cancro e, deste xeito, eliminar as súas características canceríxenas. Estas células son responsables do inicio e expansión de moitos tipos de cancro, e por iso existe un grande interese en eliminar ou cancelar a actividade destas poboacións celulares.
O novo proxecto antiCSC permitirá avaliar ata que punto é viable a utilización dalgúns destes compostos como novos axentes antitumorais, unha investigación que xorde como resultado dos descubrimentos asociados ao proxecto previo ERC Advanced Grant METBIOCAT, situado na fronteira entre a química de metais e a bioloxía celular.
En concreto, o grupo do profesor Mascareñas descubriu nos últimos anos que algún destes complexos sintéticos con metais de transición podía actuar sobre ADN xenómico dunha maneira bastante específica; máis tarde, e grazas a unha colaboración fundamental con biólogos celulares na Universidade Autónoma de Madrid (UAM), comprobouse que un destes compostos químicos afectaba a capacidade das células nai do cancro para xerar tumores agresivos. Os resultados iniciais foron moi prometedores e, de feito, na actualidade estase a explorar xa a actividade anticanceríxena dun destes compostos, tanto ‘in vitro’ como ‘in vivo’.
Nesta mesma liña, unha das informacións máis valiosa e relevante obtida como resultado das investigacións previas foi a revelación do mecanismo de acción deste composto metálico que, aparentemente, é quen de inducir unha alteración selectiva do metabolismo mitocondrial das células nai de cancro. E é precisamente este descubrimento a base sobre a que se sustenta o novo proxecto ERC.
O obxectivo agora é avanzar no desenvolvemento deste novo tipo de complexos metálicos para que poidan actuar de forma moi selectiva sobre as mitocondrias das células nai do cancro, dispoñendo así dun novo tipo de medicamentos antitumorais. Ademais, e de novo en colaboración co grupo de biólogos da UAM, preténdese obter máis información sobre a bioloxía das células nai do cancro e sobre o seu talón (ou talóns) de Aquiles a nivel metabólico, xa que é clave para desenvolver novas estratexias antitumorais máis efectivas.