Ir o contido principal

Eric Cornell, Nobel de Física en 2001, visita a USC convidado polo programa ConCiencia

Eric Cornell, Nobel de Física en 2001, visita a USC convidado polo programa ConCiencia
Eric Cornell, Nobel de Física en 2001, visita a USC convidado polo programa ConCiencia
‘Folgazán vs. descoidado: a historia épica da enerxía, entropía, temperatura, o último destino do universo e o rol do supernatural’ é o título da súa conferencia magna o luns 16

Eric Allin Cornell (1961, EE.UU.), Nobel de Física en 2001, estará a vindeira semana na Universidade de Santiago convidado polo programa ConCiencia que dirixe o profesor Jorge Mira e que conta co patrocinio do Consorcio e a Fecyt. Cornell, profesor na Universidade estadounidense de Colorado Boulder, conseguiuoNobel “por acadar condensación de Bose-Einstein en gases diluídos de átomos alcalinos e polos primeiros estudos fundamentais das propiedades de ditos condensados". Como é habitual, a visita comezará cunha rolda de prensa a desenvolver o luns 16 ás 11.30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. A xornada do martes 17 contempla unha charla con persoal científico da Universidade compostelá ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Óptica e Optometría na que tentará explicar, tal e como reza o título da súa intervención, por qué o cristal quente é máis pegañento que o frío. O acto dirixido ao público en xeral será ese mesmo día ás 20:00 horas no auditorio de Novagalicia Banco (Preguntoiro, 22) coa conferencia ‘Folgazán vs. descoidado: a historia épica da enerxía, entropía, temperatura, o último destino do universo e o rol do supernatural’. Un antes e un despois

O achado que lle valeu o Nobel aos seus 39 anos non só pechou unha busca de 70 anos no mundo da física senón que marcou un antes e un despois na disciplina. As posibilidades que abre este novo estado da materia están dando resultados asombrosos non só nas bases da propia física senón tamén no eido tecnolóxico, en telecomunicacións, tratamento de materiais, desenvolvemento de reloxos atómicos do tamaño dun chip ou computación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.08.2021.