Ir o contido principal

Ernesto González, elixido novo director do Instituto da Lingua Galega da USC

O profesor da USC Ernesto González Seoane
O profesor da USC Ernesto González Seoane

O catedrático Ernesto González Seoane dirixirá o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago (ILG), segundo se acordou este luns na reunión da xunta de goberno do Padroado deste centro de investigación que presidiu o reitor Juan Casares. González substitúe no cargo á profesora Rosario Álvarez. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC, Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) imparte docencia de Filoloxía Galega na USC. O seu traballo investigador oriéntase ao campo da lexicografía e ao da estandarización da lingua galega, eido no que dirixiu o Dicionario de dicionarios do galego medieval. Foi ademais decano da Facultade de Filoloxía dende 2004 ata 2012. O Instituto O ILG leva 42 anos dedicados ao estudo e promoción do galego. Numerosos proxectos, publicacións e iniciativas, algunhas delas decisivas, dan conta do traballo iniciado a comezos dos anos 70 por un grupo de investigadores liderado polo catedrático de Filoloxía Románica Constantino García. A súa antigüedade convérteo no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego.

Entre as súas achegas ao estudo do galego figuran a cartografía dos apelidos de Galicia; o Arquivo do Galego Oral que resultou no Atlas Lingüístico Galego (ALGa); o vocabulario ortográfico da lingua galega; os tesouros informatizados da lingua galega; o Inventario toponímico da Galicia medieval; o deseño do curso interactivo é-galego; a colaboración no Arquivo Sonoro de Galicia; os Estudos de Lingüística Galega ou o Dicionario de dicionarios da lingua galega, xunto con preto de cincuenta volumes máis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2013.