Ir o contido principal

A Escola de Doutoramento Internacional da USC amplía o prazo de inscrición no IV Encontro da Mocidade Investigadora

Cartaz da do IV Encontro da Mocidade Investigadora
Cartaz da do IV Encontro da Mocidade Investigadora
As persoas interesadas en participar neste foro, que se desenvolverá os días 9 e 10 de xuño en Santiago, poden formalizar a súa matrícula en liña ata o 11 de maio

A Escola de Doutoramento Internacional (EDI) da USC vén de ampliar ata o vindeiro mércores 11 de maio o prazo de inscrición no IV Encontro da Mocidade Investigadora, un foro que volverá reunir boa parte do persoal investigador en formación da USC os días 9 e 10 de xuño na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o IV Encontro da Mocidade Investigadora permitirá outorgar maior visibilidade a traballos de investigación que se están a desenvolver na USC, ao tempo que se favorecerá o debate en obradoiros, relatorios e táboas redondas sobre diversas cuestións de interese, entre as que se atopan as estadías de doutoramento ou o futuro alén da etapa de tese. Estas xornadas, promovidas pola Escola de Doutoramento Internacional da USC serven para fomentar a colaboración e intercambio de coñecementos entre os membros dos diversos programas de doutoramento, ao tempo que constitúen un punto de encontro do alumnado, así como un foro acaído para compartir experiencias e inquedanzas propias de cada etapa da investigación. O formato de presentación dos traballos no marco deste encontro será mediante unha exposición oral de cinco minutos ou póster. A participación está aberta a todos os alumnos e alumnas matriculadas nun programa de doutoramento da USC ou programas interuniversitarios. A información desta nova edición do Encontro da Mocidade Investigadora da USC irase actualizando na web da Escola de Doutoramento Internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2016.