A Escola de Negocios Uniemprende organiza un seminario sobre resolución de problemas e toma de decisións
A resolución de problemas e a toma de decisións son cuestións sempre presentes no eido do emprendemento e a realidade empresarial polo que se fai preciso dispoñer de coñecemento e habilidades precisas para manexar as situacións con seguridade e dilixencia. Dada a importancia destes conceptos, a Escola de Negocios Uniemprende (ENU), responsable da formación do programa de creación de empresas da USC, organiza os días 17 e 18 de novembro un seminario sobre estas cuestións.
Cunha carga lectiva de 16 horas, no programa orientarase aos matriculados sobre cómo xestionar os conflitos, de qué modo realizar unha análise estratéxica na solución dos problemas ou a maneira en que desenvolver o proceso de decisión, fixando obxectivos, xerando e seleccionando alternativas ou establecendo barreiras na toma de decisións.
Ademais, o programa docente previsto outorgaralle aos asistentes ferramentas para a resolución de problemas e toma de decisións, ao tempo que analizará os factores persoais que afectan á toma de decisións, tales como o liderado ou a capacidade de comunicación, e as particularidades da toma de decisión en grupo.
As clases celebraranse en horario de 9:30 a 14:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas na Aula de Formación do edificio CACTUS do Campus Sur, dirixidas a membros da comunidade universitaria, emprendedores, profesionais da empresa e público en xeral interesado nesta temática.
O desenvolvemento das distintas sesións será eminentemente práctico e participativo, compatibilizándose a aprendizaxe teórica coa realización de exercicios prácticos e simulacións. Para formalizar a práctica, as persoas interesas teñen de prazo ata o próximo 12 de novembro.