Ir o contido principal

A Escola Politécnica colabora con investigadores mexicanos en estudos científicos sobre repercusións do cambio climático

Víctor Ruiz e Alberto Santillán, na Escola Politécnica Superior
Víctor Ruiz e Alberto Santillán, na Escola Politécnica Superior
Os efectos do cambio climático na produción de caña de azucre e a avaliación da erosión hídrica mediante SIG centran as últimas liñas de investigación desenvolvidas

Un grupo de profesores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo está a colaborar con investigadores mexicanos no desenvolvemento de distintos estudos científicos que analizan distintas repercusións do cambio climático nalgúns cultivos e tamén os procesos de erosión en determinadas cuncas fluviais.

A diminución da produción de caña de azucre, un produto cuxo cultivo é estratéxico en México e que representa o 0,5% do PIB nacional, nas zonas do Golfo de México como posible consecuencia da redución de precipitacións propiciadas por un fenómeno meteorolóxico como é El Niño, centra os estudos que está a desenvolver desde hai nove meses Alberto Santillán. Este investigador mexicano, que analiza na súa investigación datos das precipitacións rexistradas nas localizacións do Golfo de México durante máis de 30 anos, desde 1979 ata 2009, desenvolveu xa unha metodoloxía que permite evidenciar de xeito científico a relación entre a diminución de precipitacións coa caída da produción de cultivos. O estudo de Alberto Santillán céntrase na caña de azucre, un cultivo para o que se cría que as condicións de temperatura e humidade de México eran moi acaídas, pero que, como demostra na súa investigación, non se libra dos efectos negativos derivados do cambio climático e, especialmente asociados a El Niño, un fenómeno que se repite cada 10-12 anos e que se ben amplía o período de choivas, tamén diminúe a cantidade de precipitacións, que, cada vez máis, se concentran en zonas altas e montañosas. Outra das achegas feitas por Alberto Santillán na súa investigación é a referida á incidencia de El Niño no solo. De feito, este investigador salienta que este fenómeno climatolóxico provocou xa na rexión do Golfo de México a diminución do 80% da superficie cañeira cultivada, ademais de repercutir tamén negativamente no volume da súa produción. Un aspecto diferente e que tamén pode relacionarse cos efectos do cambio climático e, sobre todo, co progresivo proceso de desertización de solos, é o que está a estudar Víctor Ruiz, quen, tras recalar na Escola Politécnica hai uns meses, está a avaliar os efectos da erosión hídrica dunha cunca fluvial do Estado de Durango mediante a aplicación de técnicas de Sistemas de Información Xeográfica. Os resultados obtidos ata o momento por Víctor Ruiz, que aproveitou a súa estadía na EPS para recoller novos datos e tamén para proceder ao seu tratamento e estudo, teñen especial interese para esta rexión de México, onde, segundo comentou, os datos de erosión hídrica estiveron sempre subestimados, a pesar da súa repercusión na construción e no posterior funcionamento das infraestruturas hidráulicas. O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Agustín Merino, que está a coordinar o traballo desenvolvido por estes investigadores mexicanos, salientou a crecente colaboración que está a manter a USC con outras universidades e centros de investigación de México. Este país, é, segundo indicou o propio Merino, o que mantén na actualidade máis intercambios de docentes, alumnos e investigadores coa USC, un fluxo que tamén é significativo no campus de Lugo, engade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2014.