Ir o contido principal

A Escola Politécnica impulsa a creación de SOFOR en Galicia coa elaboración dos primeiros estudos técnicos de viabilidade para sete localizacións galegas

Ortofoto dos usos do solo no norte de Galicia
Ortofoto dos usos do solo no norte de Galicia
Os traballos realizados por estudantes de último curso da Enxeñaría en Montes e incluídos na web da Xunta, son propostas pioneiras desta fórmula de xestión forestal

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo colabora activamente na creación de Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) en Galicia coa elaboración de sete estudos técnicos de viabilidade para outras tantas localizacións das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense. Estes traballos, realizados por estudantes de último curso da enxeñaría en Montes como práctica da materia de Planificación Forestal, impartida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Manuel Marey Pérez e Emilio Díaz Varela. Nesta acción formativa cómpre salientar tamén a colaboración recibida de Fernando Veiga Aguiar, xefe de servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais, que logo de seguir moi de preto a elaboración dos proxectos de SOFOR feitos polos estudantes, e tras comprobar a súa calidade, non dubidou en incorporalos á web da Xunta, onde se atopan a disposición de todas cantas persoas queiran consultalos.

As SOFOR, nacen como figuras societarias que favorecen a xestión conxunta e viable do monte galego por parte dos propietarios forestais, de maneira voluntaria, con normas claras e garantía xurídica plena para todos os axentes implicados, atópase aínda nunha fase incipiente. Trátase de sociedades mercantís que asocian a titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden os seus dereitos á sociedade, podendo asociar tamén a outras persoas físicas ou xurídicas. Foron ideadas como unha ferramenta acaída para mellorala actual xestión do monte e acadar así unha maior rendibilidade dos aproveitamentos forestais. Trátase pois de sociedades, que son escrupulosamente respectuosas coa propiedade e cos propietarios da terra, pero que avogan por unha xestión conxunta da mesma, ao xeito de calquera sociedade limitada que reparte dividendos e fixa obrigas, segundo explicou o profesor Manuel Marey. Proxectos Este profesor da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo relatou que os proxectos prácticos de SOFOR presentados polos estudantes de último curso da Enxeñaría de Montes corresponden con áreas xeográficas escollidas de xeito voluntario. Así, os estudos técnicos de viabilidade feitos polos estudantes da EPS e publicados agora na web da Xunta de Galicia atinxen a superficies forestais de Biobra (Rubiá), Chao de Irixe (Monterroso), Domiz (Carballeda de Valdeorras), Grolos (Guntín), O Avó de Chavín (Viveiro), Xallas (Negreira) e Souto de Vilar (Vilar). O estudo do terreo e a súa delimitación, a identificación dos propietarios e/ou titulares de uso das parcelas, a clasificación de cultivos e usos e a valoración da superficie susceptible de incluír nos distintos proxectos de SOFOR centran a parte inicial dos distintos proxectos realizados por estes estudantes de Enxeñería de Montes. Nestes proxectos, os seus autores modelizan minuciosos sistemas de cálculo de compensación e valoración que favorecen o equitativo reparto de obrigas, vantaxes, ademais de fixar o grao de participación de cada propietario na SOFOR. A orientación de cultivos e os mecanismos de produción son outro dos campos nos que afondan os proxectos feitos polos alumnos de Enxeñería de Montes do campus de Lugo, que tamén inclúen nas súas respectivas propostas minuciosas memorias económicas relativas ao capítulo de inversión a sufragar polos propietarios en función da súa cota de participación na sociedade, ademais dos rendementos estimados e a súa conseguinte distribución. Os sete estudos técnicos de viabilidade proban, aínda que sexa como estimación ou proxección de futuro, que a xestión colectiva do monte permite un aproveitamento moito máis rendible que o que acadan os propietarios coa actual xestión individualizada. No capítulo de novidades, cómpre citar novas propostas de compensación para os propietarios suxeridas por algún dos autores destes traballos, así como a posibilidade de que as persoas que non son propietarias de terra poidan adherirse a unha SOFOR e participar do seu funcionamento como calquera outro membro, logo de facer unha achega de capital. É dicir, os proxectos de SOFOR deseñados na Escola Politécnica apuntan estas agrupacións ou sociedades de xestión do monte como potenciais obxectivos de inversores. A meirande eiva sinalada polos autores á hora de poder constituír as sociedades é a que atinxe aos pro-indivisos (superficies de terreo cuxa propiedade non está definida ou non é coñecida polo seu dono), xa que a imposibilidade ou o inconveniente de incluír este tipo de parcelas, que segundo o profesor Marey poden representar entre un 30 e un 40% da superficie do monte nunha SOFOR, fai máis complexa a futura xestión destas sociedades. Asemade, a existencia de pro-indivisos incluso pode actuar como un elemento que disuade ao resto de propietarios da súa pretensión de agruparse para mellorar a xestión do monte e, de paso, actuar de xeito activo cara a prevención de posibles lumes e incendios forestais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2013.