Ir o contido principal

A Escola Politécnica organiza un novo curso de técnicas aplicadas de microscopía de pensos do 30 de setembro ao 4 de outubro

O seminario, dirixido polos profesores Ignacio García e Antonio Iglesias, ofrece 22 prazas e contará como relatores con docentes da USC e profesionais do sector

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo acubillará do 30 de setembro ata o 4 de outubro a décima quinta edición do curso práctico de formación en técnicas aplicadas de microscopía de pensos, un seminario coordinado polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Ignacio García Lara e Antonio Iglesias Becerra.

A temática deste curso é ampla e abrangue desde unha inicial aproximación á técnica de microscopía aplicada de pensos ata o estudo das principais materias primas empregadas para a alimentación animal e das súas características, ademais de afondar noutras cuestións asociadas, tales como son as referidas á lexislación vixente sobre a materia ou á loxística. A determinación cualitativa da mestura dos ingredientes e a identificación dos compoñentes dos pensos compostos, a introdución á chamada técnica de flotación diferencial e o proceso que se sigue para o control de calidade na fabricación dos pensos son outros dos temas que abordarán ao longo deste seminario práctico os oito relatores convidados, entre os que se atopan profesores da USC e profesionais do sector. Esta nova edición do seminario sobre técnicas aplicadas en microscopía de pensos ofrece un total de 22 prazas e está aberto á participación tanto de estudantes da USC como de profesionais do sector. Este programa formativo vai dirixido especialmente a alumnos e titulados nas enxeñarías agrícola, agrónomos e montes, así como aos das licenciaturas en Veterinaria, Química ou Tecnoloxía de Alimentos. O curso tamén pode resultar de interese para profesionais das cooperativas fabricantes de pensos, así como doutras empresas do sector. Inscrición e matrícula As persoas interesadas en desenvolver este programa deben formalizar a súa inscrición e dirixila aos coordinadores do curso a través do número de fax 982.28.59.26 ou dos enderezos de correo electrónico ignacio.garcia.lara [at] usc.es (ignacio[dot]garcia[dot]lara[at]usc[dot]es) e antonio.iglesias [at] usc.es (antonio[dot]iglesias[at]usc[dot]es), ademais de pagar os custos da matrícula, unha contía que é de 250 euros para os estudantes da USC e de 400 euros para o resto dos solicitantes. O curso práctico de formación sobre técnicas aplicadas de microscopía de pensos desenvolverase en quenda de tarde do 30 de setembro ata o 4 de outubro, en horario de 16.00 a 22.00 horas, nas instalacións do Laboratorio de Produción Animal da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. Os estudantes da USC matriculados en calquera das titulacións antes citadas que completen este seminario formativo poderán solicitar o recoñecemento dun crédito de libre configuración unha vez rematado o módulo formativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2013.