A Escola Politécnica premia traballos fin de grao de enxeñaría agrícola para visibilizar a muller neste eido
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo vén de convocar o I Concurso de Traballos de Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural, un certame que ten por obxecto premiar aqueles Traballos Fin de Grao de Enxeñaría Agrícola asinados por alumnas ou que teñan como temática o desenvolvemento de proxectos que melloren as condicións de vida e de traballo das mulleres no medio rural.
Os promotores da convocatoria do I Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Medio Rural salientaron que un dos obxectivos deste iniciativa a prol da igualdade de xénero pasa contribuír a dar visibilidade á muller nos ámbitos da enxeñaría e do medio rural, ao tempo que constitúe un recoñecemento social á súa contribución, silenciada en moitas ocasións, neste eido. A profesora Mª Dolores Fernández Rodríguez salientou neste senso que fronte á maioritaria presenza de mulleres entre actual estudantado universitario, as titulacións de enxeñaría seguen a ser unha opción máis demandada por homes que por mulleres. O caso da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo constata esta tendencia, xa que apenas un 40% do seu alumnado no presente curso académico son mulleres, unha porcentaxe que non amosa grandes variacións no que atinxe ao profesorado do centro. Aínda así, salientou Fernández Rodríguez, a taxa de rendemento académico e de éxito entre alumnado feminino da EPS é superior a do estudantado masculino e á media da escola. Respecto do colectivo de profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, esta profesora sinalou que as estatísticas reflicten que as mulleres, aínda que son menos en número, presentan un nivel relativo de produción científica maior que o do profesorado masculino. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; a subdirectora de Calidade e Relacións Externas da EPS, Ana Isabel García Arias; e a profesora que forma parte da comisión do título de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Mª Dolores Fernández Rodríguez, presentaron este mércores as bases deste concurso, que está aberto á participación de estudantes dos Graos en Enxeñaría Agrícola da EPS que defendan o seu TFG no curso 2015-2016. O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o 23 de setembro de 2016 e as persoas interesadas poderán solicitar máis información ao respecto na secretaría de dirección do centro universitario lugués e na súa páxina web, onde se poden atopar as bases do certame, nas que se establece un premio de 200 euros para a proposta galardoada en cada unha das dúas modalidades establecidas. Un reclamo engadido para o alumnado A convocatoria deste tipo de iniciativas, que nacen coa pretensión de ter continuidade no tempo, constitúe tamén un atractivo engadido para todos aqueles estudantes que estean interesados en cursar algunha das titulacións de enxeñaría agronómica ou agroforestal impartidas na Escola Politécnica Superior da USC, o segundo centro universitario do Campus Terra que recibe máis alumnado estranxeiro, segundo indicou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo. Javier Bueno destacou neste senso que a captación de máis alumnado e a progresiva internacionalización da sede universitaria luguesa son dúas das premisas que rexen as liñas estratéxicas do Campus Terra. Internacionalización crecente Os centros universitarios do campus de Lugo rexistraron no presente curso 2015-16 a matrícula de 140 estudantes procedentes do estranxeiro. Esta cifra practicamente duplica a existente hai un lustro, segundo precisou Bueno, e converte Lugo na cuarta sede universitaria galega, logo das de Santiago, A Coruña e Vigo, cun maior número de alumnos estranxeiros, por diante dos campus de Pontevedra (101 estudantes foráneos), Ourense (61) e Ferrol (44). O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo indicou asemade en que a progresiva internacionalización do campus universitario de Lugo mantén unha tendencia á alza entre o alumando de novo ingreso. De feito, as estatísticas de matrícula do presente curso revelan que o 13% dos 1.266 novos estudantes matriculados no campus de Lugo teñen nacionalidade estranxeira, unha porcentaxe que se incrementa nun punto respecto ao 12% do pasado exercicio académico. A maioría do estudantado estranxeiro que recalou este curso en Lugo fíxoo a través de convenios internacionais, aínda que o programa Erasmus tamén posibilitou a chegada de 28 estudantes, o que supón un 75% máis que no curso 2014-2015. A Facultade de Administración e Dirección de Empresas, con 48 estudantes estranxeiros, é o centro do campus máis internacional, seguido da EPS (29), Veterinaria (25), Ciencias (21), Humanidades (13), Formación do Profesorado (2) e Relacións Laborais (2). Respecto dos países de procedencia do alumnado estranxeiro do campus lugués, México é o que ten unha representación máis ampla con 75 estudantes. Séguenlle Brasil (19), Italia (18), Arxentina (6), Colombia (5), Francia (4), Chile (3), Reino Unido (3), Alemaña (2), Arxelia (2), Irlanda (1), Rusia (1) e Siria (1).