A Escola Politécnica propón estándares de certificación forestal FSC para aproveitar caucho natural en Colombia e Brasil
Unha investigación desenvolvida na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo propón estándares de certificación forestal FSC para o aproveitamento de caucho natural en plantacións de Colombia e Brasil, segundo se recolle na tese de doutoramento que vén de defender no centro universitario lugués a investigadora colombiana Sonia Ivonn Pulido Sierra.
O traballo feito por Pulido Sierra baixo a dirección do profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Alberto Rojo Alboreca comeza cunha introdución centrada na descrición do caucho, as técnicas de cultivo e a súa historia, a súa produción e consumo, para logo facer unha análise exhaustiva da situación do cultivo do caucho natural na rexión colombiana de Orinoquia. Unha vez analizada a situación real, a investigadora plantexa a certificación forestal baixo o Forest Stewardship Council (FSC) como estratexia para o fortalecemento deste sector produtivo. A este respecto, a tese de Sonia Ivonn Pulido faise tamén eco da problemática apreciada nas distintas iniciativas de caucho natural existentes e certificadas por FSC, que están localizadas en Tailandia, Sri Lanka e Guatemala. Este estudo da viabilidade da certificación forestal en plantacións de caucho natural inclúe tamén a análise do sistema e da certificación forestal e o desenvolvemento do caucho natural en Brasil. Asemade, Pulido Sierra completa o seu estudo coa achega das experiencias de certificación forestal FSC aplicadas en España e que poderían servir de referencia para novas actuacións en Brasil e Colombia. O compoñente social da certificación forestal FSC é outro dos aspectos nos que afonda Sonia Ivonn Pulido nesta investigación. Daquela, esta licenciada en Ciencias Sociais analiza no seu traballo aspectos como a conformación dos grupos de traballo para o deseño, revisión e adaptación do estándar, cuestións lexislativas ou mesmo o maior ou menor grao de cumprimento dos principios e criterios do sistema FSC, referidos sobre todo aos dereitos laborais e ao uso de funxicidas.