Ir o contido principal

A Escola Politécnica rexistra este curso 121 estudantes de novo ingreso na súa oferta de másteres oficiais e títulos propios

Sete programas, dos que dous son títulos propios da USC, conforman a programación de estudos de posgrao impartida este curso 2013-14 no centro universitario lugués

A Escola Politécnica Superior (EPS) do campus de Lugo xa ten formalizada a inscrición dun total de 121 estudantes de novo ingreso na súa programación de másteres oficiais e posgraos propios ofertados para o presente curso académico 2013-2014.

O director da EPS, Javier Bueno Lema, valora como “moi positivas” as estatísticas de matrícula, xa que, na súa opinión, “estes datos cuantitativos veñen a probar o interese e a pertinencia do abano de títulos que conforman a oferta de posgrados da Escola Politécnica Superior, ao tempo que cumpren as ratios esixidas pola Xunta de Galicia para a continuidade dos posgraos nos próximos exercicios”. Os cinco programas oficiais de posgrao que se imparten este curso na Escola Politécnica Superior do campus lugués suman un total de 86 persoas matriculadas. Os másteres universitarios en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes, de nova creación no campus de Lugo, contan nesta primeira edición con 23 e 12 matriculados, respectivamente. O máster en Dirección de Proxectos mantén tamén este ano unha alta demanda ao tramitar a inscrición de 21 alumnos, unha cifra parella á das 20 persoas que se matricularon este curso no máster universitario en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio. O máster interuniversitario Arquitectura da paisaxe Juana de Vega, organizado conxuntamente polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña en colaboración coa Fundación Juana de Vega, formalizou na súa edición do curso 2013-14 a matrícula de 13 persoas. Do total de inscritos, cinco persoas completarán a formación programada neste posgrao na Escola Politécnica Superior, mentres que os oito restantes cursarán este máster na universidade herculina. Ao número de matrículas contabilizadas nos distintos programas que integran a oferta de posgraos oficiais da Escola Politécnica Superior, cómpre engadir as estatísticas de alumnado rexistradas nos outros dos posgraos propios que imparte o devandito centro lugués, tal e como son o Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, que ten inscritas 25 persoas na súa terceira edición, e o Máster en Produción de Leite, que vén de comezar as súas sesións formativas con 15 alumnos.

A posta en marcha no presente curso dos másteres profesionalizantes en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes na Escola Politécnica Superior do campus lugués deparou que o centro universitario suspendera temporalmente da súa oferta de posgraos oficiais os másteres en Investigación Agraria e Forestal e Enxeñaría para o Medio Rural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2013.