A Escola Politécnica Superior celebra este mércores o Día Forestal Mundial coa plantación dunha árbore no centro
A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo celebrará este mércores 20 de marzo o Día Forestal Mundial coa plantación dunha árbore nos xardíns interiores do centro universitario. O director da EPS, Javier Bueno Lema, e a subdirectora de prácticas do devandito centro universitario, Rosa Mosquera, participarán neste acto simbólico, previsto para as 12.30 horas, e ao que tamén asistirá a deputada provincial responsable das áreas de medio ambiente e enerxías renovables, Sonsoles López Izquierdo.
Unha vez rematada a plantación conmemorativa do Día Forestal Mundial, a sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo acollerá presentación do Máster en Enxeñaría de Montes, un novo posgrao oficial que comezará a impartirse o próximo curso académico no centro universitario lugués. O coordinador deste máster en Enxeñaría de Montes da Universidade de Santiago de Compostela, Ignacio Díaz-Maroto Hidalgo, e os tamén profesores da USC e coordinadores das distintas especialidades deste máster, estruturado en 90 créditos ECTS, Elvira Díaz Vizcaíno, Roque Rodríguez Soalleiro e Juan Gabriel Álvarez González, serán os responsables de explicar as características e os obxectivos do novo posgrao da USC.