Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior celebra este xoves o Día Forestal Mundial

Coa entrega do Premio Bernardo de la Torre Rojas á titulada Sonia García Peteiro

Con motivo da declaración de 2011 como Ano internacional dos Bosques, este xoves 19 a Escola Politécnica Superior celebrará un acto no que se entregará o Premio Bernardo de la Torre Rojas en colaboración co Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Montes. O acto desenvolverase a partir das 18:00 horas na Sala de Xuntas da Escola coa intervención do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, do decano territorial de Galicia da Asociación e Colexio de Enxeñeiros de Montes, Guillermo Acebal Lucia, e do director da EPS, Javier Bueno Lema. Nel, o xefe do Servizo de Montes de Lugo da Consellaría do Medio Rural, Miguel Ángel Cela González, pronunciará a conferencia ‘A xestión conxunta das propiedades forestais’ . Cela, que foi profesor asociado do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, é ademais colaborador do grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible.

Xa ás 19:00 horas Guillermo Acebal fará entrega do Premio Bernardo de la Torre Rojas 2011 á enxeñeira de Montes pola EPS Sonia García Peteiro polo seu traballo ’Proxecto de Ordenación do Monte Veciñal en Man Común de Guimarei, na parroquia de Guimarei, no termo municipal de Baralla (Lugo)" . O galardón, convocado pola Asociación e o Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia en colaboración coa Escola Politécnica Superior de Lugo, distingue aos Enxeñeiros de Montes titulados na EPS cuxos Proxectos Fin de Carreira acheguen valores de creatividade e aplicación á profesión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2011.