Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría forma traballadores do sector forestal na xestión responsable do monte galego

Máis de 40 profesionais e investigadores no eido forestal participan este mércores, a partir das 9.00 horas na sala de xuntas da EPSE, na xornada ‘A madeira FSC en Galicia’

A xornada formativa ‘A madeira FSC en Galicia’, a través da que se pretende informar a traballadores do sector forestal e outros afíns sobre a certificación outorgada pola Forest Stewardship Council (FSC), cita este mércores, a partir das 9.00 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a máis de 40 profesionais e investigadores relacionados co eido forestal.

O director da EPSE Tomás Cuesta; o director xeral de Ordenación Forestal Tomás Fernández-Couto, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema, participarán no acto de apertura oficial deste curso, no que se afondará na certificación FSC e que leva como lema “Emprega madeira porque as persoas e os montes impórtannos”

A enxeñeira de Montes e directora técnica de FSC España, Silvia Martínez, e o enxeñeiro técnico forestal e xestor de proxectos de FSC España, Marcos Estévez, acometerán, en cadansúa exposición, a importancia da certificación FSC e a relación coa madeira para a construción. A continuación, o catedrático da USC no Campus Terra, Manuel Guaita, abordará o presente e o futuro da madeira estrutural.

A sesión de mañá, trala cal se celebrará un coloquio, pecharase coas intervencións do enxeñeiro de Montes José Ángel González, quen exporá a experiencia dun grupo de cadea de custodia FSC; e o director técnico e a responsable de costes de Carpintería Estelar, José A. Sanmartín e Leticia Rendo, os cales analizarán o día a día nunha industria de segunda transformación da madeira certificada FSC.

Xa en quenda de tarde, o doutor enxeñeiro de Montes e técnico de GAIN-CIS Madeira, Manuel Touza, falará da durabilidade dun proxecto de madeira ao exterior; mentres que o arquitecto técnico Álvaro López afondará nos produtos FSC de FINSA para a construción. Finalmente, antes do derradeiro coloquio, a arquitecta María Sánchez analizará experiencias recentes no uso da madeira en obras arquitectónicas.

O FSC facilita o desenvolvemento de estándares, garante o seguimento dos proxectos forestais e protexe a marca rexistrada FSC para que os consumidores poidan optar por produtos que proceden de bosques ben xestionados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2018.