Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC activa un abano de iniciativas para colaborar cos afectados polos lumes

Zona afectada polas lapas
Zona afectada polas lapas

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC promove a posta en marcha de diversas iniciativas orientadas a colaborar coas persoas que se viron afectadas pola vaga de lumes forestais rexistrada o pasado mes de outubro.

As accións impulsadas por un grupo de docentes do centro universitario lugués van encamiñadas a activar unha campaña de apoio á recuperación daquelas zonas e espazos naturais que sufriron a pegada dos lumes, ao tempo que pretenden fomentar a concienciación social e medidas de prevención para mitigar e, no seu caso, evitar a problemática que deparan os incendios nas contornas forestais.

O abano de medidas impulsado por este grupo de enxeñeiros e enxeñeiras de Montes que forman parte do cadro docente da EPSE implican tanto ao profesorado como ao alumnado das titulacións de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e do máster en Enxeñaría de Montes.

As accións propostas polos promotores deste plan, entre os que se atopan, entre outros, os profesores e investigadores da USC Alberto Rojo Alboreca, Pablo Vila Lameiro, Francisco J. López, Manuel Marey e Ana Daría Ruiz, contemplan a elaboración de proxectos e estudos técnicos por parte do alumnado no marco da elaboración de traballos de fin de grao e fin de máster con temáticas orientadas á recuperación das zonas afectadas e á xestión do material combustible. Os custes da elaboración destes estudos ou proxectos técnicos, que contarían co asesoramento de profesorado especialista, serían asumidos polo centro universitario.

A celebración dunha xornada técnica sobre os efectos dos lumes, a rexeneración das masas forestais e a restauración das zonas afectadas polas lapas é outra das accións incluídas neste plan, que tamén contempla o desenvolvemento dunha campaña informativa e de sensibilización respecto do problema do lume. Esta acción está dirixida ao estudantado de ensino medio en diferentes centros educativos de Galicia e desenvolveríase ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’ .

A maior implicación deste grupo de docentes, así como do alumnado das titulacións universitarias antes sinaladas no proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) da USC ‘Plantando cara ó lume’, que coordina o profesor Agustín Merino, é outra das medidas propostas polo grupo promotor desta batería de iniciativas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.11.2017.