Ir o contido principal

A Escola Politécnica Superior da USC estuda os efectos da aplicación da rega e cubertas vexetais nos viñedos galegos

Emiliano Trigo, segundo pola esquerda, entre os directores da súa tese de doutoramento na Escola Politécnica Superior da USC
Emiliano Trigo, segundo pola esquerda, entre os directores da súa tese de doutoramento na Escola Politécnica Superior da USC
O enólogo xienense Emiliano Trigo sostén na súa tese doutoral que a rega en Galicia non supón melloras produtivas nin cualitativas fronte ao sequeiro, agás na Treixadura

As prácticas culturais nas vides galegas preséntanse como unha ferramenta clave cara a adaptación das castes galegas fronte a cambiante situación climática en Galicia. O carácter vigoroso das castes galegas xera a necesidade de estudar como controlar o mesmo, sen xerar efectos negativos sobre a calidade do viño, que é o produto final.

O manexo das cubertas vexetais nas entreliñas dos viñedos presenta a vantaxe de competir cos recursos dispoñibles para a viña, reducindo polo tanto o seu vigor. Asemade, a irregularidade na distribución das precipitacións en Galicia, durante a época estival, pode implicar o requirimento de aportar regas complementarias na viña, evitando acadar niveis de estres nos viñedos que reduzan a súa produción e calidade. Ante e esta situación, o estudo de dúas prácticas culturais no viñedo, tales como o son a rega e as cubertas vexetais, centraron as pescudas desenvolvidas polo licenciado en Enoloxía Emiliano Trigo no marco da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC baixo o título ‘Resposta fisiolóxica e agronómica de variedades galegas de vide a diferentes prácticas de cultivo: cubertas vexetais e rega’. Nesta investigación de doutoramento, dirixida por José M. Mirás, Ignacio Orriols e polo tamén doutor e profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, Javier José Cancela, o enólogo xienense Emiliano Trigo Córdoba desenvolveu ensaios de rega en parcela para as castes Albariño, Godello e Treixadura nas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, ademais de facer un ensaio de diversas cubertas vexetais sobre a caste Mencía na DO Ribeiro. Nestes ensaios, o autor da investigación avaliou os efectos fisiolóxicos, agronómicos e cualitativos dos diferentes tratamentos durante tres campañas, as correspondentes aos anos 2012, 2013 e 2014. As conclusións recollidas nesta tese, que acadou a mención internacional, sinalan que a rega en Galicia non supuxo melloras produtivas nin cualitativas fronte ao sequeiro, agás na Treixadura nun dos tres anos de estudo. Daquela, conclúese que é preciso realizar novos ensaios con diferentes doses de rega e diferentes períodos de aplicación durante o ciclo vexetativo do viñedo. No canto das cubertas vexetais, estas produciron unha redución da expresión vexetativa da videira, sen afectar á produción, pero si reducindo o tamaño da baia, o que amosa unha mellor aptitude para a obtención de viños de calidade da caste Mencía, segundo apunta Emiliano Trigo. Tribunal de tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento ‘Resposta fisiolóxica e agronómica de variedades galegas de vide a diferentes prácticas de cultivo: cubertas vexetais e rega’ estivo formado por Luis S. Pereira, da Universidade de Lisboa; Jorge Pérez, do Intituto Nacional de Tecnoloxía Agropecuaria de Arxentina; Emilio Nicolás, do CEBAS-CSIC de Murcia, Enrique García-Escudero, do ICVV- Universidade da Rioxa, e o profesor da USC Xesús Pablo González, quen actuou en calidade de secretario. Os membros da comisión responsable de cualificar a investigación de doutoramento desenvolvida na USC por Emiliano Trigo Córdoba acordaron conceder por unanimidade a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2016.