Ir o contido principal

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría conmemorou o seu patrón co Día da Escola

O reitor presidiu o acto. Foto: Santi Alvite
O reitor presidiu o acto. Foto: Santi Alvite

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría conmemorou o seu patrón este xoves 10 co Día da Escola 2014 nun acto que presidiu o reitor Juan Casares. Acompañárono na mesa presidencial o director do centro, Antonio Mosquera González; a Logistic Manager de Abengoa Bioenergy-Bioetanol Galicia, Ana Belén López Silva; o subdirector da ETSE, Francisco Omil Prieto; os directores dos departamentos de Electrónica e Computación e de Enxeñaría Química, Francisco Fernández Rivera e Gumersindo Feijóo, respectivamente; e a secretaria do centro, Purificación Cariñena Amigo. A lectura da memoria de actividades da escola relativo ao curso 2012-2013 precedeu á entrega dos premios extraordinarios de Doutoramento e de Fin de Carreira, dos de Mellores traballos Fin de Grao e Fin de Máster e Proxectos Fin de Carreira. Tamén se entregaron os premios relativos aos mellores expedientes académicos e á Calidade Lingüística de traballos académicos. A continuación Ana Belén López Silva impartiu a conferencia ‘Biocarburantes: unha aposta enerxética sustentable’. O acto proseguiu coa entrega dos premios Leonardo á Docencia que recoñece aos/ás tres docentes das distintas titulacións que se imparten no centro que acadaron mellores resultados nas enquisas de satisfacción do alumnado. Tamén se recoñeceron aos/ás tres mellores docentes con maior produción científica ao longo de 2012 cos Leonardo á Investigación. Completando o acto, foi a quenda dos premios Tecnocom e Coremain ao mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática e o ViAQUA ao mellor Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Ambiental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2014.