A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago acolle a presentación das últimas novidades da Comunidade Morfeo
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) será o lugar no que a Comunidade Morfeo presentará na USC as súas últimas novidades en materia de software libre. Esta presentación está promovida pola Universidade Rey Juan Carlos I e polo grupo de investigación Libresoft como unha oportunidade para coñecer ás diferentes empresas e organización galegas relacionadas co software libre. A sesión celebrarase este venres 13 na ETSE a partir das 10:00 horas.
A Comunidade Morfeo traballa actualmente na definición de aplicacións de software libre estándar e plataformas tecnolóxicas base mediante a transformación de produtos en ‘commodities’, así como na creación de oportunidades de negocio ao redor de estándares abertos, na protección a longo prazo das inversións en tecnoloxía e na súa innovación constante mediante a súa aposta polo estándares abertos.
Dende estas consideracións, esta comunidade tecnolóxica actúa como incubadora de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación involucrando a empresas, centros tecnolóxicos, clústeres, universidades, centros de investigación e administracións públicas.
Ata o momento, Morfeo orienta a súa liña de traballo á creación de relacións ‘win-win’ entre os seus membros, froito do licenciamento libre da tecnoloxía desenvolvida o que posibilita unha mellora e máis rápida transferencia de resultados entre os proxectos de I+D+i e o mercado de produtos e servizos.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao web http://www.morfeo-project.org/