A Escola de Universitaria de Enfermería de Lugo organiza unha xornada centrada na seguridade dos pacientes
A Escola de Enfermería do Campus de Lugo organiza o xoves 19 unha xornada sobre a seguridade dos pacientes de atención sanitaria. O encontro, no que tamén participa o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, desenvolverase no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Os responsables do curso pecharon a inscrición hai días, logo de que se superasen os 350 participantes, capacidade máxima do lugar de celebración. Baixo o título ‘Aumentando coñecementos sobre seguridade: un compromiso co paciente’, o encontro busca, en palabras dos organizadores, “dar a coñecer e promover a cultura de seguridade dos pacientes, ao tempo que se potencia unha comunicación aberta e planificada no contorno hospitalario, na procura da redución de eventos adversos e da conseguinte mellora na seguridade e calidade da atención”. A seguridade do paciente é unha das prioridades dentro das políticas sanitarias, e constitúe unha peza clave na mellora da calidade asistencial, tal e como o recollen nos seus plan, liñas de traballo e protocolos de actuación todos os organismos autonómicos, nacionais e internacionais do ámbito da sanidade, empezando pola Organización Mundial da Saúde. Relatores procedentes de todos os ámbitos No acto de inauguración da xornada (10.00 horas) estarán presentes o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial Bernárdez; o director-xerente do Hospital Universitario Lucus Augusti, Francisco Vilanova Fraga; e a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas. Ao longo do día desenvolveranse unha serie de relatorios e mesas redondas sobre aspectos que van desde a seguridade dos pacientes á importancia da comunicación como ferramenta para a mellora da calidade asistencial, pasando pola xestión informatizada da información clínica ou as estratexias para a resolución de conflitos. Enfermeiras, expertos en comunicación e calidade, responsables do ámbito sanitario da Administración autonómica e representantes de asociacións de usuarios serán os encargados de presentar as súas achegas nas diferentes sesións. Durante a xornada haberá tamén un tempo reservado para a presentación de pósters e comunicacións. O encontro clausurarase ás 18.30 horas nun acto presidido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas; e a directora da Escola de Enfermería, Mª Asunción Núñez Magdalena.