Ir o contido principal

Escolares de Lugo visitarán a Aula de Produtos Lácteos nunha campaña para a promoción do consumo de leite e derivados

Os escolares da cidade de Lugo visitarán a Aula de Produtos Lácteos para coñecer o proceso de elaboración dalgúns alimentos básicos, como o leite e os seus derivados, dentro do programa ‘Máis Leite, Máis Saúde’, da Federación Panamericana de Lechería (FEPALE). Xa son máis de 200 os alumnos que están apuntados nesta iniciativa, que dará comezo o 25 de xaneiro.
A Aula de Produtos Lácteos (APL) é un centro de formación e investigación dependente do Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela que, dende a súa creación no ano 1993, dedicouse á formación, tanto no plano académico como industrial, así como á investigación no marco agro-alimentario en xeral e lácteo en particular, ofrecendo solucións aos problemas e demandas do sector.
Este contacto estreito co sector permitiulle detectar recentemente unha serie de cuestións que preocupan, en certa medida, a produtores e consumidores, e que chegan a poñer en dúbida a importancia do leite e produtos lácteos na dieta de rapaces e adultos.
Neste marco, a APL quere abordar esta problemática dende un enfoque amplo e multidisciplinar para fomentar o consumo de leite e derivados, e poñer de relevo os beneficios que proporcionan á saúde do ser humano. De feito, nos últimos tempos celebrou xornadas ás que asistiron escolares de entre nove e dez anos procedentes de centros de Lugo.
O alto grado de satisfacción manifestado, tanto por alumnos como por profesores participantes, animoulles a repetir esta experiencia con maior intensidade e repercusión. Así, ponse en marcha esta iniciativa que consistirá nunha visita por centro na que haberá unha charla de presentación sobre a importancia do consumo de produtos lácteos, unha degustación e un percorrido polos laboratorios e a planta piloto da APL. Os participantes recibirán como obsequio un lote de lácteos doados por diferentes empresas, unha camiseta e un caderno.
Nun principio celebraranse dúas xornadas ao mes, aínda que se podería aumentar se a demanda é maior. Os colectivos cos que se contactará inicialmente son escolares de entre 10 e 12 años de centros educativos de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2008.