Ir o contido principal

Escolares de secundaria e bacharelato traballan en Ciencias da Educación na construción dunha cultura da sustentabilidade ambiental e cooperación

Na xornada participaron rapaces do IES Valga, do Colexio La Salle e do IES Eduardo Pondal de Santiago. Foto: Servimav-USC
Na xornada participaron rapaces do IES Valga, do Colexio La Salle e do IES Eduardo Pondal de Santiago. Foto: Servimav-USC

Un total de 140 estudantes de 4º de Secundaria e Bacharelato do IES Valga, do Colexio La Salle e do IES Eduardo Pondal de Santiago participan na Facultade de Ciencias da Educación na Xornada de formación para unha cultura da sustentabilidade e a cooperación. Ao longo da xornada matinal presentarán os resultados dunha serie de proxectos desenvolvidos nas súas respectivas aulas para agora compartilos co resto do alumnado. Esta iniciativa forma parte do proxecto de investigación ‘ Cultura de sustentabilidade e cooperación ao desenvolvemento: realidades e perspectivas en Galicia e República Dominicana’ que desenvolve o grupo SEPA e InteRed baixo a dirección do profesor Germán Vargas Calleja con financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores.

O propósito da iniciativa é coñecer e analizar as claves de construción dunha cultura da sustentabilidade ambiental e a cooperación entre o estudantado e o profesorado de Galicia e a República Dominicana, para a a promoción do diálogo intercultural, a sustentabilidade e a cidadanía global. A través deste obxectivo, os promotores do proxecto queren contribuír á construción dun modelo de vida respectuoso cos límites e posibilidades da natureza e, ao mesmo tempo, unha relación máis equilibrada e xusta entre as persoas. Estes obxectivos atópanse en consonancia coa filosofía do Cume de París sobe o cambio climático.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2015.