Ir o contido principal

O escritor Amin Maalouf, gañador do XIII Premio Internacional do Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O xurado, reunido na Universidade de Santiago, tomou o acordo por unanimidade

O xurado do XIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, reunido este venres no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, acordou, por unanimidade, concederlle o galardón ao escritor e xornalista, Amin Maalouf. Este Premio valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente.

Maalouf naceu en 1949 en Beirut, escribe principalmente en francés e as súas obras traducíronse a varios idiomas. En 1993, recibiu o Premio Goncourt pola súa novela La roca de Tanios. Estudou Sociología na Universidade Francesa de Beirut e traballou como director do xornal libanés Al-Nahar ata o comezo da guerra civil, en 1975. Ese mesmo ano refuxiouse en París, onde continúa vivindo.
A súa obra está marcada polas experiencias da guerra civil e a inmigración e os seus personaxes adoitan ser viaxeiros entre terras, linguas e relixións diferentes. A máis coñecida a nivel internacional é León el africano. Entre os seus traballos de ficción, pódense citar El primer siglo después de Beatriz; La Roca de Tanios; Samarkand; Gardens of Light; Les échalles du Levant e La Odisea de Baltasar. Pero tamén escribiu obras non de ficción, entre elas Les Croisades veus par les Arabes e Les Identités meurtrières.XuradoPresidido pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, o xurado estaba composto ademais pola conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Xosé Ramón Leis Fidalgo; e a reitora da Universidade de Girona, Anna María Geli de Ciurana. A secretaria executiva do Grupo Compostela, Beatriz Iglesias, actuou como secretaria. A reitora da Universidade de Hamburgo, Dorothee Bittscheidt; e o reitor da Universidade mexicana de Guadalajara, Marco Antonio Cortés, tamén integrantes do xurado, non puideron acudir á xuntanza delegando o seu voto no presidente do Grupo Compostela.
O premioA Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio, cunha dotación económica de 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.
Nas anteriores ocasións os premiados foron Jacques Santer (1997), ex-presidente da Comisión Europea; Václav Havel (1998), presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling (1999); o escritor neerlandés Cees Nooteboom (2000); a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte (2001); o arquitecto portugués Álvaro Siza (2002); o investigador e catedrático da USC Manuel Díaz y Díaz (2003); o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler (2004); o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski (2005); o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia (2006); en 2007 o investigador Manuel Castells e o pasado ano Canal Arte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2009.