Ir o contido principal

O escritor e crítico literario Alberto Manguel visita a USC convidado polo Centro de Estudos Avanzados

Alberto Manguel (Foto: Casa de América)
Alberto Manguel (Foto: Casa de América)

O Centro de Estudos Avanzados desenvolve o próximo martes 11 unha nova sesión do Foro ‘Memoria, identidade e cultura. O desafío das humanidades’. Nesta ocasión contará co escritor, crítico e ensaísta Alberto Manguel (1948, Bos aires, Arxentina), que pronunciará ás 19.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) a conferencia ‘Alonso Quijano o la biblioteca subversiva’.

A intervención de Alberto Manguel, organizada polo Centro de Estudos Avanzados en colaboración co grupo Iacobus, inaugura as actividades do foro no curso 2016-2017 e súmase ás distintas iniciativas que conmemoran na USC o IV centenario da morte de Cervantes e Shakespeare.

Alberto Manguel, académico correspondente da Academia Arxentina das Letras, dirixe desde xuño de 2016 a Biblioteca Nacional dese país. Novelista, ensaista, tradutor e editor arxentino en lingua inglesa, Manguel ten un extenso currículo como escritor con recoñecidas obras como Una historia de la lectura (1996), Leer imágenes: una historia privada del arte (2000), Diario de lecturas (2004), El regreso (2005), La biblioteca de noche (2006) ou Conversaciones con un amigo (2011). Entre as súas moitas distincións figuran doutoramentos honoris causa ou a de Commandeur de l'Ordre des Arts et des Lettres de Francia (2014).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2016.