Ir o contido principal

O escultor Manolo Paz traslada temporalmente as súas obras aos xardíns de Fonseca

Obra do escultor Manolo Paz
Obra do escultor Manolo Paz
A mostra 'A rarear' inaugúrase este xoves ás 21:00 horas

Baixo o título ‘A Rarear’, a Obra Social de Caixanova xunto coa Galería compostelá SCQ e a Vicerreitoría de Cultura da USC entresacan do seu espazo natural as pezas máis emblemáticas e persoais coas que o escultor Manolo Paz (Cambados, 1957) conviviu estes últimos quince anos no seu taller.
A inauguración terá lugar nos xardíns do Colexio de Fonseca (tras do edificio) este xoves 17 ás 21.00 horas nun acto presidido polo vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres Feijó, que estará acompañado polo director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, e o propio Manolo Paz.
A mostra componse de oito pezas comprendidas entre 1990 e 2005, raras polas súas peculiaridades cronolóxicas e materiais, reunidas agora, por primeira vez, no antigo xardín botánico de Santiago de Compostela anexo á biblioteca da Universidade, que é testemuña da súa historia.
Ata o 12 de outubro a exposición permanecerá aberta de 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas de martes a sábado; e de 11 a 14:00 os domingos e festivos. Os luns pecha.
Manolo PazManolo Paz comeza a traballar a finais da década dos 70 e axiña a súa figura vese recoñecida internacionalmente, contando con obras en espazos públicos de países como Alemaña, Xapón, Estados Unidos, Portugal e, por suposto, España.
Aínda que traballa con diferentes materiais, é o granito o máis representativo da súa obra. Dende o respecto máximo cara á pedra dálle forma, expándea a través dos ocos, potencia e crea o seu volume, a súa textura. Trata as superficies para que reflictan ou atrapen a luz, mantendo sempre unha unidade coa natureza. Móvese nun estreito límite entre o natural e o artificial domesticando o inerte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2008.