O escultor Manolo Paz traslada temporalmente as súas obras aos xardíns de Fonseca
Baixo o título ‘A Rarear’, a Obra Social de Caixanova xunto coa Galería compostelana SCQ e a Vicerreitoría de Cultura da USC entresacan do seu espazo natural as pezas máis emblemáticas e persoais coas que os escultor Manolo Paz (Cambados, 1957) conviviu estes últimos quince anos no seu taller. A exposición poderase visitar ata o 12 de outubro.
A mostra componse de oito pezas comprendidas entre 1990 e 2005, raras polas súas peculiaridades cronolóxicas e materiais, reunidas agora, por primeira vez, no antigo xardín botánico de Santiago de Compostela anexo á biblioteca da Universidade, que é testemuña da súa historia. A inauguración terá lugar no propio claustro do Colexio de Fonseca, nos seus xardíns, este xoves 17 ás 21.00 horas nun acto ao que asistirá o propio Manolo Paz.
Manolo PazManolo Paz comeza a traballar a finais da década dos 70 e pronto a súa figura vese recoñecida a nivel internacional, contando con obras en espazos públicos de países como Alemaña, Xapón, Estados Unidos, Portugal e, por suposto, España.
Aínda que traballa con diferentes materiais, é o granito o máis representativo da súa obra. Dende o respecto máximo cara á pedra dálle forma, expándea a través dos ocos, potencia e crea o seu volume, a súa textura. Trata as superficies para que reflictan ou atrapen a luz, mantendo sempre unha unidade coa natureza. Móvese nun estreito límite entre o natural e o artificial domesticando o inerte.