Ir o contido principal

O Espazo de Cine da USC abre o prazo de inscrición nos módulos formativos programados para este curso en Lugo

Participantes e promotores da última edición do maratón Findecurta
Participantes e promotores da última edición do maratón Findecurta
Pepe Coira, que dará un curso sobre escrita de guión a partir do 20 de outubro, Jorge Coira, Suso López, Bruno Maez e Andrés Goteira, serán os docentes do Espazo de Cine

O Espazo de Cine da USC, unha iniciativa posta en marcha pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, a través da a Área de Cultura do Campus Terra para formar, crear e producir no ámbito do audiovisual, abre o prazo de inscrición nos distintos módulos ou monográficos programados para este curso na sede universitaria luguesa e a través dos que se pretende achegar ás persoas participantes a formación mínima necesaria para poder enfrontarse á creación de traballos audiovisuais como paso previo á creación dun grupo de cine dentro do ámbito universitario.

A grella formativa ofertada na sede universitaria luguesa ao abeiro do Espazo de Cine da USC estrutúrase en cinco módulos: O traballo de escribir un guión, Interpretación ante a cámara, Iniciación á cinematografía, Produción rodaxe e distribución e Rodaxe e montaxe dun proxecto. As persoas interesadas en acadar este tipo de coñecementos poderán completar cada módulo por separado ou conxuntamente. Todos os cursos reservan un 30% das prazas ofertadas para persoas alleas á comunidade universitaria.

O produtor cinematográfico e guionista lugués Pepe Coira será o encargado de impartir o módulo ‘ O traballo de escribir un guión’, un curso que se desenvolverá na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo do 20 ao 27 de outubro, 3, 10, 17 e 24 de novembro, 1 e 15 de decembro. Este módulo, estruturado en 25 horas, pretende dar resposta a tres cuestións básicas como o son para que serve un guión?, de que está feito? e como é o traballo dun guionista?. As persoas interesadas poden formalizar a súa preinscrición neste curso ata o 9 de outubro.

Interpretación ante a cámara, tanto desde a perspectiva do actor como do director, é o título do módulo cinematográfico de 25 horas de duración que impartirá Jorge Coira a partir do 11 de novembro nas dependencias da Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria.

Bruno Maez conducirá as sesións formativas programadas do 27 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2018 no marco do monográfico Iniciación á cinematografía. Este curso, estruturado en 25 horas formativas, está dirixido a persoas que queiran iniciarse no mundo da dirección fotográfica ou que estean interesadas en coñecer as tarefas que se desenvolven no departamento de imaxe dunha rodaxe.

O módulo formativo do Espazo de Cine da USC sobre produción, rodaxe e distribución estará impartido polo profesor e produtor meirego Suso López. As sesións formativas deste curso, de 25 horas de duración, desenvolveranse os días 24 e 25 de febreiro, 3 e 4 de marzo en quenda de mañá e tarde.

O guionista e director Andrés Goteira coordinará o módulo final dos programados este curso polo Espazo de Cine da USC en Lugo, un monográfico centrado na rodaxe e montaxe dun proxecto audiovisual cuxas sesións formativas se desenvolverán os días 17 e 18 de marzo, 7 e 8 de abril, en quenda de mañá e tarde.

As persoas interesadas en participar na programación formativa do Espazo de Cine da USC poden formalizar xa a súa inscrición nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo ou a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2017.