Ir o contido principal

O Espazo de Cine da USC amplía a súa programación en Lugo con seis módulos de formación e o certame audiovisual ‘Findecurta’

O Espazo de Cine da USC amplía a súa programación en Lugo con seis módulos de formación e o certame audiovisual ‘Findecurta’
O Espazo de Cine da USC amplía a súa programación en Lugo con seis módulos de formación e o certame audiovisual ‘Findecurta’
O prazo de matrícula nas distintas actividades ofertadas permanece aberto nas oficinas da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo

O Espazo de Cine do Campus Terra da USC programa para o presente curso 2018-2019 a celebración e seis módulos formativos na sede universitaria luguesa, que tamén acollerá a finais de abril unha nova edición do certame audiovisual ‘Findecurta’. A nova programación do Espazo de Cine da USC, unha iniciativa orientada a formar, crear e producir traballos audiovisuais, está estruturada en monográficos que poderán cursarse por separado ou de xeito conxunto. O alumnado de grao da USC poderá solicitar o recoñecemento académico dun crédito ECTS por cada 25 horas de formación e asistencia completadas no Espazo de Cine.

O primeiro dos cursos ofertados ao abeiro do Espazo de Cine, ‘O traballo de escribir un guión’, estará impartido polo guionista, director e produtor de cinema Pepe Coira. As sesións formativas deste módulo, estruturado en 25 horas, desenvolveranse os venres en quenda de tarde desde o 19 de outubro ata o 21 de decembro na Facultade de Formación do Profesorado.

O tamén cineasta Jorge Coira impartirá do 1 ao 4 de novembro o segundo módulo do Espazo de Cine da USC, un curso intensivo titulado ‘O proceso de creación’ que se desenvolverá en quenda de mañá e tarde nas dependencias da Aula de Teatro e Danza emprazada na Facultade de Veterinaria, onde o director, guionista e montador de cine e televisión rabadense achegará a súa ollada respecto do proceso de creación dun director de cinema, metodoloxía de traballo, financiamento...

Anxos Fazáns guiará do 18 ao 25 de novembro na Aula de Teatro e Danza do campus de Lugo o obradoiro ‘Dirección de actores e interpretación diante da cámara’, un módulo de carácter eminentemente práctico pensado para dar a coñecer as ferramentas de que dispoñen os actores e actrices no cinema, ademais de para ensinar a desenvolver estas aptitudes diante da cámara.

‘Iniciación á cinematografía’ é o título do cuarto dos módulos incluídos na programación formativa do Espazo de Cine da USC. Bruno Máez será o encargado de impartir as sesións deste curso, que se desenvolverán os días 2, 3, 16 e 17 de febreiro, en quenda de mañá e tarde, no auditorio da Casa do Saber de Lugo. Este mesmo escenario tamén acubillará os días 9, 10, 23 e 24 de febreiro o monográfico ‘Produción e distribución dun proxecto independente’, un curso que se desenvolverá en quenda de mañá e tarde e que estará impartido por Suso López.

O director de ‘Dhogs’, Andrés Goteira, impartirá do 13 ao 17 de abril de 2019 o último dos módulos de formación programados polo Espazo de Cine da USC e durante o que se afondará no proceso de rodaxe e montaxe dun proxecto cinematográfico. Este curso, estruturado en 50 horas repartidas en oito sesións, permitirá ao alumnado facer unha inmersión completa no mundo audiovisual.

Inscrición

As persoas que desexen participar como alumnos en calquera dos cursos programados ao abeiro do Espazo de Cine do Campus Terra da USC para o curso 2018-2019 poden formalizar xa a súa inscrición nas dependencias da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Tamén se pode solicitar información ao respecto dos contidos de cada módulo, así como respecto da taxas de matrícula a través do número de teléfono 982.82.15.13, no enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es), ou na web.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2018.