Ir o contido principal

O Espazo de Cine da USC continúa a súa programación en Lugo con cursos de iniciación á cinematografía, produción e rodaxe

O Espazo de Cine da USC continúa a súa programación en Lugo con cursos de iniciación á cinematografía, produción e rodaxe
O Espazo de Cine da USC continúa a súa programación en Lugo con cursos de iniciación á cinematografía, produción e rodaxe
A inscrición no módulo impartido por Bruno Máez e que comezará o 2 de febreiro, está aberta ata o 25 de xaneiro nas oficinas da Área de Cultura da Vicerreitoría de Lugo

O Espazo de Cine do Campus Terra da USC, unha iniciativa orientada a formar, crear e producir traballos audiovisuais, continúa a súa programación de actividades no campus de Lugo coa organización dun módulo formativo de iniciación á cinematografía que estará impartido por Bruno Máez.

As distintas sesións programadas no marco do curso de iniciación á cinematografía celebraranse os días 2, 3, 16 e 17 de febreiro, en quenda de mañá e tarde, no auditorio da Casa do Saber de Lugo. Este mesmo escenario tamén acubillará os días 9, 10, 23 e 24 de febreiro o monográfico ‘ Produción e distribución dun proxecto independente’, un curso que se desenvolverá en quenda de mañá e tarde e que estará impartido por Suso López.

O director de ‘Dhogs’, Andrés Goteira, impartirá do 13 ao 17 de abril de 2019 o último dos módulos de formación programados polo Espazo de Cine da USC e durante o que se afondará no proceso de rodaxe e montaxe dun proxecto cinematográfico. Este curso, estruturado en 50 horas repartidas en oito sesións, permitirá ao alumnado facer unha inmersión completa no mundo audiovisual.

Os módulos promovidos ao abeiro do Espazo de Cine da USC, unha iniciativa a prol do fomento da cultura audiovisual que concluirá a súa actividade este curso cunha nova edición do certame ‘ Findecurta’, ofrecen un máximo de 20 prazas cada un. O alumnado de grao da USC poderá solicitar o recoñecemento académico dun crédito ECTS por cada 25 horas de formación e asistencia completadas no Espazo de Cine.

Inscrición

As persoas que desexen participar como alumnos en calquera dos cursos programados ao abeiro do Espazo de Cine do Campus Terra da USC para o curso 2018-2019 poden formalizar xa a súa inscrición nas dependencias da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Tamén se pode solicitar información ao respecto dos contidos de cada módulo, así como respecto da taxas de matrícula a través do número de teléfono 982.82.15.13, no enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es), ou na web.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2019.