Os espazos naturais protexidos serán o eixo de estudo dun curso que se impartirá en xullo en Mondoñedo
A Universidade de Santiago impartirá a partir do 13 de xullo o curso de verán titulado ‘Espazos naturais protexidos nun mundo en cambio’, co que se pretende dar unha oportunidade para o intercambio de experiencias en relación coa planificación e coa xestión das áreas protexidas dentro dos escenarios de cambio global.
Entre os factores que determinan o cambio global, os organismos internacionais (PNUMA, UNESCO) e os investigadores consideran que a perda de biodiversidade, a desertificación e o mal uso da auga, xunto co cambio climático son os elementos máis significativos.
Así, ao longo das 30 horas lectivas deste curso, que dirixe Pablo Ramil Rego, presentarase aos asistentes novas metodoloxías de traballo, así como resultados que permitan dar pé á discusión e á reflexión sobre os retos que se presentan no ámbito dos espazos naturais protexidos.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán no Centro de Desenvolvemento Comarcal da Mariña Central (rúa Julia Pardo, 13) de Mondoñedo ata o 17 de xullo é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 3 de xullo), xa está aberto.