Ir o contido principal

Os Espazos USC avanzan na súa apertura á cidade coa nova cafetaría de Xeografía e Historia

Un equipo da Xerencia reuniuse con representantes do sector. FOTO: Santi Alvite
Un equipo da Xerencia reuniuse con representantes do sector. FOTO: Santi Alvite
A Xerencia reuniuse coas asociacións de hostalaría con máis representatividade en Compostela para escoitar suxestións que melloren o prego coas prescricións técnicas da licitación que se levará a cabo en setembro
Santiago de Compostela

A USC reformulará a concepción da cafetaría da Facultade de Xeografía e Historia para darlle unha nova dimensión adicional como espazo cultural e dinámico. Con esta filosofía, a institución compostelá licitará en setembro a concesión deste servizo. Un equipo da Xerencia da USC mantivo unha xuntanza este venres 28 cos colectivos máis representativos do sector hostaleiro en Compostela —a Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo (hostalaria.gal) e a Asociación Hostalaría Compostela (AHC), entre outras—, así como cos representantes das actuais empresas concesionarias deste tipo de servizos na Universidade, para escoitar as súas achegas e suxestións de mellora con respecto ao prego de prescricións técnicas, tamén compartidas co decanato do centro. O prego está dispoñible no Perfil do Contratante da USC.

“Este é un proxecto para a sociedade e a cidadanía de Compostela que afonda na relación entre Universidade e cidade ao tempo que busca colaborar no cambio de modelo turístico de Santiago”, sinalou o xerente, Javier Ferreira. Así, o prego de prescricións técnicas para a concesión do servizo de explotación e xestión da cafetaría-restaurante da Facultade de Xeografía e Historia da USC “avanza na concepción dos espazos USC como puntos de encontro, de convivencia, entre Universidade e Cidade”. Este é un proxecto de “universificación”, continúa Javier Ferreira, no que a USC “abre as súas portas facendo cidade dende a Universidade para o conxunto da cidadanía, para que a cidadanía sinta a Universidade súa”.

Estas instalacións da Facultade de Xeografía e Historia son consideradas pola USC como un lugar singular que pode achegar un gran valor ao obxectivo de dinamizar este tipo de instalacións. Por iso, no prego pídense propostas que acheguen un nivel de calidade alto nos seus servizos, apoiados nun cadro de persoal profesionalizado e unha oferta de alimentos e bebidas acorde, baseada fundamentalmente na calidade dos produtos dispoñibles, e onde debería destacar a oferta de produtos sans, naturais, saudables e na medida do posible de proximidade, aptos para todo tipo de público e onde se ofrezan unha variedade de servizos que poidan satisfacer a todas as tipoloxías de clientes que o mercado de restauración atrae nestes momentos.

O obxecto do prego de prescricións técnicas é establecer as condicións que deben rexer o contrato de concesión de servizos para a explotación e xestión desta cafetaría-restaurante. Forman parte do obxecto do contrato as obras de acondicionamento e equipamento do local principal e da terraza que ascenden a 600.000 euros dos que se deberá facer cargo a futura empresa concesionaria.

Valoración do sector

Lois Lopes, presidente de Hostalaria.gal e participante na xuntanza, quixo dar os seus parabéns á Universidade por “poñer ao alcance da sociedade e do sector hostaleiro unha presentación tan detallada do proxecto”. Lopes destacou que a USC é parte da sociedade compostelá e esta iniciativa aínda a achega máis ao conxunto da cidadanía. “Esta é unha boa fórmula para poñer en valor a Universidade, ademais de atoparse nun espazo único”, afirmou. Lois Lopes destacou a “envergadura” do proxecto e quixo agradecer a “total dispoñibilidade da Xerencia para aclarara dúbidas” no transcurso do proceso.

Ramón García, xerente da AHC, compartiu igualmente unha valoración moi positiva xa que esta reunión permite ao sector coñecer de primeira man un proxecto de especial relevancia para desenvolver outro modelo de xestión do turismo. “A ‘universificación’ da cidade máis que preocupación polo fluxo turístico profunda na necesidade de canalizalo e traballar con el” dunha forma óptima para así “acadar unha boa convivencia entre a poboación e o turismo”. No seu conxunto, segundo Ramón García, este proxecto permite trasladar unha idea máis precisa da realidade histórica da cidade de forma que a xente sexa consciente “de que está nunha cidade universitaria”. Na súa opinión este é un proxecto que beneficia a Santiago e ás empresas que traballan no sector.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2023.