Un especialista en aprendizaxe home-máquina explicará no CiTIUS o paradigma de Intelixencia Colectiva
Aníbal Figueiras, catedrático da Universidade Carlos III de Madrid e especialista en Intelixencia Artificial, participará este xoves 11 ás 12.00 horas nunha nova edición do ciclo ‘ Investigadores de Prestixio’, o programa de conferencias con investigadores visitantes organizado polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS). Doutor en Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Barcelona e Catedrático de Universidade dende 1978, Aníbal Figueiras exerceu nas universidades politécnicas de Barcelona e Madrid, así como na Universidade de Santiago de Compostela (USC). A súa investigación e docencia oriéntanse cara ás comunicacións dixitais, o tratamento dixital da información e a aprendizaxe das máquinas, tema central do seu relatorio. Ao longo da súa exposición, Figueiras explicará como poden usarse as técnicas de Intelixencia Computacional para analizar a información asociada a diferentes propósitos, no marco dun modelo coñecido como Intelixencia Colectiva. O seu funcionamento imita en certos aspectos o comportamento social, un ámbito no que as decisións non se toman a título persoal, senón que se teñen en conta os “puntos de vista” dos diferentes individuos na procura do consenso nas respostas. Este tipo de aproximacións resultan especialmente prometedoras en aplicacións con grandes cantidades de datos, como as cidades intelixentes (Smart Cities) ou a tele-medicina (E-Saúde). Neste último eido, as técnicas de Intelixencia Colectiva permitirían que unha serie de sistemas intelixentes traballen de xeito coordinado para ofrecer diferentes interpretacións dos síntomas dun paciente, facendo un diagnóstico “de consenso” a partir das respostas obtidas. Traxectoria
Aníbal Figueiras dirixiu 17 proxectos e contratos de I+D internacionais e 50 nacionais, participando en moitos outros. Publicou dous libros como autor, oito como editor, e traballa como consultor e avaliador para numerosos organismos e publicacións, nacionais e internacionais. Ao longo da súa vida académica, recibiu numerosas distincións.