Ir o contido principal

O especialista en transmedia Lance Weiler, no foro ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades’

O especialista en transmedia Lance Weiler, no foro ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades’
O especialista en transmedia Lance Weiler, no foro ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades’

No marco das actividades do Foro ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades’, o Centro de Estudos Avanzados acolle este mércores unha conferencia do director do Digital Storytelling Lab da Universidade de Columbia e figura internacional no eido da narrativa transmedia, Lance Weiler.

‘Digital storytelling: how to process literary contemporary texts and technology into collaborative creative experiences’ é o título da súa intervención, que pronunciará ás 19.30 horas e que se poderá seguir en directo por http://tv.usc.es/directo2.html .

Lance Weiler é unha das principais referencias no ámbito do cinema dixital e da innovación en formas do relato con mediacións tecnolóxicas ligadas a internet e procedementos dixitais e colaborativos. Ao longo da súa carreira no mundo do cinema colaborou con directores de fotografía como Conrad Hall, Darius Khondji e Harris Savides.

Así mesmo, participou en varios proxectos de carácter transmedial, con recurso á Intelixencia Artificial, a formas de realidade virtual ou aumentada e á denominada Internet das cousas (Internet of Things) con directores da proxección de David Cronenberg, Gore Verbinski, Marshall Herskovitz e Ed Zwicker. Destaca tamén na súa traxectoria o labor como consultor e asesor en distintas iniciativas de foros e entidades como o Sundance Institute, o Tribeca Film Institute, PBS, Power to the Pixel, Screen Australia, o Festival de Cinema de Berlín, o National Film Board de Canada e o National Endowment for the Humanities de Estados Unidos. Entre os seus últimos proxectos, que experimentan con modalidades de narración tecnolóxicamente innovadoras, merecen especial mención Sherlock Holmes & the Internet of Things e Frankenstein AI: a monster made of many.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2017.