Especialistas de toda España analizan na Facultade de Bioloxía os últimos achados no uso de substratos
A Facultade de Bioloxía da USC foi o escenario elixido para as Xornadas de Substratos da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH) que este ano celebra na institución compostelá a décima edición desta xuntanza bianual na que participan especialistas procedentes de universidades e institucións investigadoras de toda España. Esta é unha iniciativa promovida conxuntamente polo Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, coa colaboración do Departamento de Produción Vexetal, o Grupo de Substratos da SECH e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación de Pontevedra que se vai desenvolver ata o próximo venres 17. Nestes encontros que organiza o Grupo da SECH se debaten os últimos avances na caracterización e emprego de substratos, os métodos normalizados para a súa caracterización, a normativa sobra a súa calidade e usos, a prospección de novos materiais e o emprego de substratos en diversos sistemas de cultivo. O programa deseñado para Santiago inclúe ademais das sesións teóricas visitas a plantas de elaboración de substratos e viveiros de planta ornamental na comarca compostelá, así como ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, ambas as dúas en Pontevedra. En Galicia, a produción de flores e plantas ornamentais representa unha cifra próxima ao 8 por cento do produto final agrario, concentrando a maior superficie dedicada a este fin nas provincias da Coruña e Pontevedra. Segundo explican os organizadores do encontro, os produtores galegos exportan neste momento preto da metade da súa produción, insuficiente para atender a demanda do exterior. Por este motivo, os expertos consideran que o cultivo de flor e planta ornamental preséntase como un sector de futuro que “pode chegar a ser unha alternativa importante para a agricultura galega”.
Neste contexto, a identificación e avaliación de materiais utilizables como emenda e sustrato eficaces, de subministro constante e de baixo custe resulta de grande interese, apuntan os investigadores neste eido. Ademais, na actualidade a produción de sustratos é moi escasa en Galicia mentres que a súa demanda é elevada o que “pon de manifesto a necesidade de incrementar a produción de sustratos, particularmente si con iso se conseguen atopar novos usos a materiais que actualmente se consideran subprodutos.