Especialistas europeos avalían a eficacia das axudas outorgadas á acuicultura europea

Un equipo de investigadores no que participa o profesor de Economía Aplicada da USC Sebastián Villasante acaba de publicar, en colaboración con diversas institucións españolas e europeas, un novo estudo na revista científica Marine Policy no que se cuantifica, por vez primeira, o volume total de subsidios outorgados á acuicultura europea durante os últimos 15 anos. Os resultados mostran que a pesar de que a Unión Europea investiu en axudas máis de 1,1 mil millóns de euros entre 2000 e 2015 a produción en volume descendeu un 8%, mentres que o crecemento da mundial foi dun 150%. Non obstante, o valor económico da produción medrou un 39%. Está previsto outorgar 1,7 millóns de euros no período 2014-2020 a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).
O estudo proporciona a primeira visión global exhaustiva sobre a asignación dos diferentes fondos estruturais no sector da acuicultura e en todos os Estados membros da UE desde 2000. Eses investimentos teñen como obxectivo mellorar o sector acuícola da UE centrándose na calidade, saúde e seguridade así como na produción ecolóxica para ofrecer aos consumidores produtos de alta calidade, altamente nutricionais e fiables. Para o profesor Sebastián Villasante, “aínda que hai unha revolución acuícola global en curso, existe un descenso na produción da UE debida principalmente á diminución da produción de mexillón e a pesar do aumento da produción de especies de maior valor económico como salmón, robaliza ou dourada, que presentan un maior grao de control por parte do agricultor do ciclo de produción”.
Os fondos europeos durante o período 2007-2013 representaron, en promedio, o 4% do valor engadido polo conxunto de produtores do sector, expresado como Valor Engadido Bruto (VEB), e agárdase que alcance o 9,3% para o período 2014-2020. En promedio, cada empresa recibiu case 41.000 euros en fondos públicos no período 2007-2013 e aumentará ata os 123.000 euros entre 2014-2020.
Os mercados pesqueiros son cada vez máis competitivos e as subvencións son asignadas para mellorar a eficiencia produtiva e reducir os custos de produción. “Así, ao mellorar as marxes económicas, a rendibilidade sería menos dependente do volume de produción e do nivel de importacións, facendo deste xeito o sector máis resistente”, asegura o investigador da USC, que sinala a eficiencia e a mellora do valor da produción acuícola como clave para conseguir mellores resultados.
Sebastián Villasante