Ir o contido principal

Especialistas internacionais asisten esta semana en Santiago ao sétimo congreso nacional de Historia da Construción

A Universidade de Santiago e o Instituto Juan de Herrera da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid organizan esta semana en Compostela, entre os días 26 e 29, o VII Congreso Nacional de Historia da Construción, que se abrirá ás 10.30 horas cunha conferencia do profesor da USC Miguel Taín sobre a Sala das Trazas da catedral de Santiago. O evento, a desenvolver na Hospedaría de San Martín Pinario, reúne de forma periódica en centros de investigación de toda España a especialistas nacionais e internacionais en edificación, patrimonio e rehabilitación. Nesta edición compostelá acadou un récord de participantes, con propostas de investigación que abarcan desde a estética da arquitectura ata os secretos da construción de bóvedas. Na conferencia inaugural Miguel Taín explicará o significado e utilidade da curiosa Sala da catedral, cuxas misteriosas liñas trazadas na pedra sorprenderon aos visitantes durante séculos. Tamén seguirase o rastro deste tipo de debuxos, chamados “monteas” noutras catedrais e edificios de Galicia. A primeira xornada completarase coa presentación de comunicacións sobre monumentos españois e internacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2011.