Especialistas internacionais buscan na USC respostas á crise
‘Políticas Públicas para a saída da crise’ é o lema baixo o que se está a desenvolver o XIX Encontro de Economía Pública coa participación de docentes de preto de trinta universidades españolas así como de Melbourne, Galway, Torino, Michoacán, Copenhague, Atlanta ou Maryland, xunto a expertos da Comisión Europea, do Bundesbank, do Banco de España, do Banco Central Europeo ou do Consello de Contas, entre outros.
As sesións comezaron este xoves de maneira simultánea na Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín, no Auditorio do Centro Social de Novacaixagalicia, na Fundación Araguaney, na Fundación Gonzalo Torrente Ballester e na Confederación de Empresarios de Galicia. A inauguración tivo lugar no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia coa conferencia do profesor da Universidade de Yale John Roemer, un destacado economista polas súas achegas no eido do marxismo analítico e a teoría da xustiza distributiva.
En base a grupos independentes de reflexións, os especialistas porán en común os seus traballos analíticos no campo das políticas públicas na procura de atopar respostas á profunda recesión económica actual dende o sector público. Como explica o presidente do Comité Organizador, Luis Caramés, trátase dun contexto esixente, caracterizado pola rapidez dos cambios e a amplitude dos desafíos, “máis complexos ca os do pasado e máis difíciles de prever”.
Ademais do debate e a presentación de relatorios, o Círculo Financeiro de La Caixa creou o premio Alexandre Pedrós, dotado con 3.000 euros, e que se outorgará ao mellor traballo presentado no encontro. O xurado presidirano Miquel Roca Junyent, en representación do Círculo Financeiro, e o catedrático da Universidade Pompeu Fabra, Guillerm López i Casasnovas. A entrega do premio celebrarase este venres 27 na sesión de clausura, nun acto previsto para as 17.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presidencia do reitor Juan Casares.