Ir o contido principal

Especialistas de todo o mundo debaterán en Santiago sobre a transición dos sistemas rurais cara á sostibilidade

Especialistas de todo o mundo debaterán en Santiago sobre a transición dos sistemas rurais cara á sostibilidade
Especialistas de todo o mundo debaterán en Santiago sobre a transición dos sistemas rurais cara á sostibilidade
A Unión Internacional de Xeografía desenvolve a vindeira semana na USC o seu 26 coloquio anual

Nas dúas últimas décadas a xeografía rural tratou a cuestión da sostibilidade como unha preocupación central. Non obstante, os múltiples debates que se teñen dado entre o persoal estudoso deste asunto subraiaron diversas contradicións e desencontros sobre a complicada transición dos sistemas rurais cara a esa sostibilidade.

Neste contexto, a Unión Internacional de Xeografía (IGU, nas súas siglas en inglés) decidiu dedicar enteiramente a esta cuestión o seu 26 coloquio anual, que se desenvolverá a vindeira semana en Santiago coa asistencia de especialistas de todo o mundo. No encontro tratarán de propoñer solucións e reducir as diversas brechas e diferencias que existen entre as redes agroalimentarias, entre as actividades rurais, entre os usos conflitivos da terra, entre as imaxes rurais e a ‘ realidade sombría’, entre a expansión urbana e a agricultura e a preservación de espazos abertos e coas zonas rurais remotas, de baixa densidade e de montaña.

O 26 Coloquio da Comisión de Sustentabilidade de Sistemas Rurais da IGU (CSRS-IGU) titulado ‘Sistemas rurais infinitos nun planeta finito’ desenvolverase na Facultade de Xeografía e Historia para trasladarse a finais de semana a A Veiga e A Ulloa. Está organizado polo Grupo Ante da USC e pola citada comisión.

A inauguración do encontro terá lugar o luns 16 ás 9.30 horas no Paraninfo da Universidade nun acto no que participarán o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o decano do centro anfitrión, Francisco Durán; o director do Departamento de Xeografía da USC e vicepresidente da IGU, Rubén Lois; o profesor da USC e director do Coloquio, Valerià Paul; e os representantes do CSRS-IGU, Holly Barcus e Serge Schmitz.

Durante todo o encontro prestarase especial atención á escala local, sen deixar de lado outras escalas interrelacionadas para cumprir co esforzo de pechar as brechas cara á sostibilidade. A partir de aí, África e América Latina serán rexións tamén representadas nas distintas sesións, nas que Galicia ocupa un lugar central por ser “un laboratorio adecuado para colmar as lagoas con respecto a esta problemática”, como sinalan os organizadores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2018.