Ir o contido principal

Especialistas de todo o mundo en escultura romana en Hispania reúnense a vindeira semana en Santiago

A sesión do martes 5 desenvolverase no Campus de Lugo

Un grupo de investigadores sobre a escultura romana en Hispania decidiu en 1992 organizar reunións periódicas co fin de actualizar os seus coñecementos e preparar as sucesivas edicións do Corpvs Signorvm Imperii Romano de Hispania. As reunións comezáronas en Mérida e continuaron en Tarragona, Córdoba, Lisboa, Murcia e Segóbriga para recalar en Santiago a vindeira semana. A VII Reunión de Escultura Romana en Hispania reunirá entre o 4 e 6 de xullo a especialistas na materia de diversos países nun evento organizado polo Departamento de Historia I da USC a través dos profesores Fernando Acuña Castroviejo e Raquel Casal García coa colaboración da Consellería de Cultura, o Consello da Cultura Galega, a Deputación de Lugo e outras entidades. Nesta ocasión, a xuntanza servirá de homenaxe ao profesor Alberto Balil, que en 1968 obtivera a praza de profesor agregado de Arqueoloxía, Epigrafía e Numismática na USC. Os catro anos de estancia de Balil en Santiago foron decisivos para o desenvolvemento dos estudos arqueolóxicos nesta Universiadde, onde fundou o Seminario de Arqueoloxía e a serie Studia Archaeologica. En 1971 trasladouse a Valladolid como catedrático de Arqueoloxía, culminando alí a súa carreira Inauguración o luns A inauguración oficial terá lugar o luns 4 ás 12.00 horas no Consello de Cultura galega coa asistencia do presidente do Consello da cultura Galega, do director Xeral de Patrimonio Cultural, do vicerreitor de Estudantes e formación continua, da directora do Departamento de Historia I e do catedrático de Arqueoloxía da USC Fernando Acuña, quen pronunciará o relatorio ‘A. Balil e a renovación da arqueoloxía galaica’. Deseguido intervirá S. Walker, do Museo Ashmolean de Oxford que pronunciará a conferencia inaugural. Ese día e o mércores 6 todas as sesións desenvolveranse no Consello, pero os investigadores trasladaranse o martes 5 á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo para celebrar alí as sesións académicas e pola tarde visitar o Mitreo, o Museo Provincial e os restos arqueolóxicos da cidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2011.