Especialistas de primeiro nivel analizan en Dereito a relación entre violencia de xénero e Xustiza
Un congreso internacional analizará os días 16 e 17 de novembro na Facultade de Dereito a problemática da violencia de xénero dende unha perspectiva xurídica. O congreso inaugúrase este mércores 16 ás 9.30 horas no Salón de Actos do centro baixo a presidencia do reitor Juan Casares e a participación da conselleira permanente do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; o decano da Facultade, Luis Míguez; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López; a directora xeral do Sergas, Esperanza Fernández; a decana do Colexio de Psicólogos, Rosa Álvarez; e a profesora da USC e presidenta do comité organizador, Raquel Castillejo. A conferencia inaugural, titulada ‘Construcións sociais vinculadas á violencia de xénero, correrá a cargo da catedrática de Filosofía Moral da Universidade de Santiago, María Xosé Agra Romero. A xornada da mañá continuará coa mesa redonda ‘Xénero, trauma e vitimización secundaria: denuncia, dispensa do deber de declarar’ na que participan Raquel Castillejo e o catedrático de Psiquiatría da Autónoma de Madrid, Enrique Baca, e coa conferencia ‘Xurisprudencia do Tribunal Constitucional en materia de violencia de xénero’ a cargo do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Autónoma de Barcelona, Juan Carlos Gavara de Cara. O resto do congreso estrutúrase en diversas mesas redondas sobre o concepto de violencia de xénero no Código Penal e na LO 1/2004, o tratamento do agresor, os indicadores de violencia de xénero, as medidas cautelares como a orde de afastamento, a persecución de actos de violencia de xénero en dereito comparado I e II e as respostas xudiciais á protección das vítimas. Ademais, inclúense as conferencias dos catedráticos de Psicoloxía Social da USC, Gonzalo Serrano; de Dereito Procesual da Carlos III, Víctor Moreno; e de Dereito Penal da Universidade de Málaga, Patricia Laurenzo.