Especialistas de quince países reúnense en Santiago para analizar os últimos avances teóricos e experimentais na física de partículas elementais

Un centenar de especialistas en Física de Partículas de quince países reuniranse entre este venres 3 e o próximo día 7 de xuño en Santiago, no Hotel San Francisco, ao redor do congreso internacional ‘Low-x 2011 Meeting2011’ para discutir e analizar os últimos avances, tanto teóricos como experimentais, na física de partículas elementais. Este é un campo no que se está a vivir un momento de progresos decisivos grazas, moi particularmente, á entrada en funcionamento do Large Hadron Collider (LHC) do Centro Europeo de Investigación Nuclear de Xinebra (CERN) no que investigadores e grupos da USC desenvolven un papel relevante. Os profesores Néstor Armesto, Carlos Merino e Gonzalo Parente, do Departamento de Física de Partículas e do Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC, son os responsables, en colaboración co profesor Christophe Royon do Centre de la Energie Atomique (CEA) de Saclay (Francia), da organización do encontro. O espírito desta serie de encontros, que se veñen realizando con carácter anual durante os últimos vinte anos (a edición do pasado ano tivo lugar en Kavala, na Macedonia grega), é o de favorecer a discusión frutífera e informal entre físicos teóricos e experimentais, dedicando moito tempo á discusión de novos resultados, temas de actualidade, e problemas abertos na física chamada de ‘pequeno x’. Capítulo especial se lle outorgará á comprobación experimental da teoría de campos que describe en procesos como a Cromodinámica Cuántica (siglas en inglés QCD), nos laboratorios HERA (Hamburgo, Alemania), RHIC (Brookhaven, N.Y., Estados Unidos de América), Tevatron (Fermilab, Illinois, Estados Unidos de América), e, moi principalmente no Large Hadron Collider (LHC) do CERN (Xinebra, Suiza). Algúns dos temas a debater no ‘Low-x Meeting2011’, con implicacións profundas no coñecemento e comprensión de aspectos relativos aos constituíntes fundamentais da materia e das interaccións entre estes constituíntes, son o estudo das funcións de estrutura do protón, do fotón e do Pomeron; o problema da saturación; a física dos jets en LHC así como dos sucesos difractivos; a cuestión do Higgs e da produción de novas partículas no Tevatron/LHC; as reaccións de ións pesados e a formación dun novo estado da materia (o plasma de quarks e gluóns); a conexión coas teorías de cordas (AdS/CFT); a análise dos primeiros resultados experimentais publicados polos distintos experimentos do LHC, e os desenvolvementos máis recentes en Física de Astropartículas. Segundo os seus promotores, a celebración en Compostela deste congreso 2011, patrocinado pola USC, o Ministerio de Investigación, o Centre de la Energie Atomique (Francia) e polo Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas y Nuclear de España, referenda a traxectoria e o labor investigador dos membros do Departamento de Física de Partículas e do IGFAE da USC durante os últimos anos. Neste tempo teñen afianzado proxectos de colaboración con científicos e grupos de primeira orde no ámbito internacional de institucións de Estados Unidos de América, Rusia, Francia ou Alemaña, entre outros. Concretamente, o Departamento oferta un Máster Universitario Oficial en Física Nuclear e de Partículas e as súas Aplicacións Tecnolóxicas e Médicas, que constitúe o período de formación dun programa de doutoramento que participa con outras doce universidades e centros de investigación de España, Portugal, Francia e Italia, ademais do CERN, na Rede Internacional de Doutoramento en Física de Partículas, Astropartículas e Cosmoloxía (IDPASC).
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do encontro http://www-d0.fnal.gov/~royon/lowx_spain/.