Especialistas da Rede ReVolta constatan unha volta aos sistemas de cultivo menos dependentes dos insumos de orixe industrial

A Rede ReVolta de Grupos de Investigación en Agroecoloxía e Historia celebraba hai uns días na Casa de Europa o seminario ‘Transicións socio-ecolóxicas na agricultura: unha análise comparada entre Europa e América, na Casa Europa, en Compostela’. Todas as persoas alí reunidas coincidiron en afirmar que “estamos ás portas dunha cuarta transición socio-metabólica” que tería como punto central a volta aos sistemas de cultivo menos dependentes dos insumos de orixe industrial, ben sexa como un proceso paulatino -o 6% da superficie agrícola utilizada de España e o 20% da de Andalucía está actualmente dedicada á produción ecolóxica- ou “relativamente traumático, como foi o caso do sistema produtivo cubano no chamado "período especial" da década de 1990”. No debate constatouse ademais o desequilibrio existente entre a dispoñibilidade de datos e a súa escala, de xeito que para o século XIX se dispón de fontes locais de gran riqueza pero cunha limitación desde o punto de vista da xeneralización das conclusións, mentres que en períodos posteriores se dispón de datos estatísticos xerais pero sen desagregación espacial, o que presenta “ importantes desafíos para a investigación”, explicaron. Linguaxe común Fíxose tamén patente no seminario que tanto as persoas convidadas como os grupos de investigación integrantes da rede falan unha linguaxe común, incluso aqueles que proceden do campo das ensinanzas técnicas e enxeñería. O enfoque novidoso da aproximación socio-ecolóxica aos cambios dos sistemas agrícolas combina os métodos e fontes habituais da Historia con conceptos tradicionalmente alleos e procedentes da química, física ou edafoloxía, como os ciclos de nutrientes no solo, o balance de carbono, ou o concepto de "metabolismo". “Resulta, polo tanto, -concluíron- un campo de colaboración fértil dado que os intereses e as metodoloxías empregadas son complementarias”. Libro de Lanero e Freire Enmarcado no propio seminario tivo lugar a presentación do libro Agriculturas e Innovación Tecnológica en la Península Ibérica (1946-1975), coordinado por Daniel Lanero Táboas e Dulce Freire e editado polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Daniel Lanero presentou o libro 'Agriculturas e Innovación Tecnológica en la Península Ibérica (1946-1975)' que coordinou con Dulce Freire