Especialistas de sete países reúnense na USC para estudar os procesos xudiciais nas sociedades altomedievais
Fronte á profunda renovación que se está producindo actualmente no medievalismo europeo no estudo tanto da xustiza como das normas que rexen o seu exercicio, xurdiu hai uns anos o proxecto ‘ PRJ - Procesos Xudiciais nas sociedades altomedievais. Un estudo comparativo a escala da Europa Occidental (s. IX-XI)’ no que, liderado por Isabel Castillo (CSIC), participa a Universidade de Santiago. Este grupo de traballo pretende incorporar novas fórmulas a unha investigación sobre o período altomedieval, a etapa na que resultan menos eficaces os enfoques institucionalistas predominantes.
Dada a escaseza e peculiaridades das fontes dese período, o proxecto xira en torno á formación dun corpus documental de procesos xudiciais nos reinos do norte peninsular na alta idade media, desde Galicia a Cataluña. Trátase de crear unha base de datos que posibilite estudos comparativos e que se porá a disposición do público a través da páxina web FMH (Fontes do Medievo Hispánico) do Instituto de Historia do CSIC.
Esa base de datos avanzarase no congreso internacional que, en particular sobre os séculos X e XI, o proxecto desenvolve este xoves 12 e o venres 13 na Facultade de Xeografía e Historia coordinado na USC polo profesor José Miguel Andrade. Será a propia Isabel Castillo quen explique a partir das 10.00 horas do xoves os pormenores do corpus. A partir de aí, en diversas sesións trataranse cuestións relacionadas coas fontes de información xudicial e doutras modalidades de resolución de conflitos, as autoridades xudiciais, e a resolución de disputas e a orde-desorde social.
Participan neste encontro científico especialistas de universidades españolas e de Portugal, Francia, Estados Unidos, Reino Unido, Italia e Dinamarca.