Ir o contido principal

As especies das hortas galegas, a exame nunha exposición do Museo de Historia Natural da USC

Baixo o título ‘Da natureza á cociña. Historia das plantas das nosas hortas’, o Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ da USC ensina nunha exposición, de forma amena e entretida, a orixe, historia e evolución dalgunhas das especies vexetais cultivadas para alimentación nas hortas galegas. A mostra inaugurouse este xoves no claustro baixo do Colexio de Fonseca coa presenza, entre outros, do reitor Senén Barro; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; e a directora do Museo organizador, Mabel Fraga.
Ata o 29 de novembro o visitante terá a oportunidade de coñecer as nosas hortas a través de pequenas reproducións con plantas vivas, medios audiovisuais (xogos de ordenador e filmacións), paneis e exemplares variados.
Os responsables da mostra fixeron unha selección das especies máis significativas dos hortos galegos e organizáronas en dous bloques. Por unha banda, as especies procedentes do chamado Vello Mundo (Europa, Asia e Norte de África) que xa se cultivaban antes do século XVI; e as de orixe americana, que apareceron nese século “desprazando en gran medida ás outras”, explica Mabel Fraga.
O percorrido comeza cunha parte introdutoria na que se explica o paso das especies silvestres ás de cultivo, o que se chama “proceso de domesticación”, e como co tempo chegaron a Galicia especies que se domesticaron chegadas doutras partes do mundo.
O Vello MundoA partir de aí comeza un percorrido por unha selección de mostras do máis representativo do Vello Mundo, nomeadamente cereais como o trigo e o centeo; leguminosas como as fabas, lentellas, garavanzos e chícharos; hortalizas de folla (allo, cenoria e cebola) e de bulbo (coles e acelgas). O visitante pasa logo ao xardín para coñecer de primeira man froiteiros como laranxeiros, pereiras, maceiras, marmelos ou limoeiros.
Nesta primeira parte sorprende no horto un espazo especial dedicado á Brassica oleracea L., unha especie silvestre da que o aproveitamento das súas distintas partes deu noutras especies hoxe moi coñecidas como as coles de Bruxelas, o brócoli, a coliflor, o romanesco, o colinabo, o repolo, a lombarda ou a verza. Trátase dunha especie que xa medraba silvestre na costa atlántica europea e que foi inicialmente cultivada polos celtas, “por esta razón podemos dicir que é o máis próximo ao autóctono galego”, explica Loza.
AméricaA partir do século XVI foron entrando en Galicia especies chegadas de terras americanas como millo (procedente de México), tomates, patacas, pementos e leguminosas como as fabas e as xudías que desprazaron, ata facer desaparecer, ás anteriores fabas. Todas estas especies, e as súas múltiples variantes, poden observarse na súa forma orixinal.
Especies protexidasA exposición dedica outra parte aos produtos galegos con indicación de denominación de orixe protexida, todas elas froito da diversificación de especies americanas e moitas delas cultivadas aquí dende hai moi pouco tempo. “O selo de calidade vén dado polas condicións propicias de clima e solo para estas especies”, explica Fraga.
Neste rexistro protexido figuran a faba de Lourenzá; o grelo de Galicia (que procede dunha das variedades que se domesticou en Asia); a pataca das zonas da Mariña, Bergantiños, Terra Cha, Lemos e A Limia; e os pementos de Herbón, Couto, Oímbra e Arnoia.
Xogos didácticosA exposición complétase cunha parte audiovisual na que se explican as técnicas empregadas en mellora vexetal, desde as máis antigas de selección ata a biotecnoloxía moderna para obter produtos transxénicos.
A exposición estará aberta de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, está prevista a visita de numerosos grupos de escolares que disporán tamén de xogos e concursos interactivos sobre a mostra.
Patrocinada pola FECTY e a Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria a través de Diverciencia, coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura, a mostra forma parte das actividades da semana da Ciencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2008.