Ir o contido principal

Establecidos os criterios para aprobar novas propostas de másteres universitarios e programas de doutoramento para o curso 2012-2013

Ata o 30 de xuño permanece aberto un prazo para propor novos posgraos

O Consello de Goberno deu o visto bo na súa última xuntanza aos criterios para a aprobación de novas propostas de másteres universitarios e programas de doutoramento para o curso académico 2012-2013. Nestes momentos e ata o 30 de xuño permanece aberto un prazo para presentar novos posgraos. O Espazo Europeo de Educación Superior obriga a adecuar e racionalizar a oferta de posgrao oficial das universidades, de aí que a USC decidise en 2008 que as propostas novas deberían tratar ámbitos temáticos non coincidentes cos xa atendidos e dispor de recursos humanos e materiais suficientes. Agora, para a aprobación dos másteres para o curso 2012-2013 establécense como requisitos (a cumprir polo menos tres deles) que complete a formación recibida nos estudos de grao, que habilite para o exercicio de profesións reguladas, que a especialización responda a unha demanda social e non compita con outros xa ofertados no SUG, que sexa liderado pola USC, que conte con financiamento externo específico cando sexa esixible para a súa viabilidade, que proveña da racionalización e adaptación á realidade da oferta existente, que ofreza prácticas externas garantidas mediante convenio, que estea avalada pola xunta de centro e que sexa de ámbito internacional. Pola súa banda, os programas de doutoramento deberán cumprir necesariamente ben que sexa de ámbito interuniversitario e/ou internacional ou ben que incorpore varios grupos de investigación que conten con proxectos competitivos. Unha vez visto isto, valorarase que conte coa colaboración doutros organismos, centros, institucións ou entidades con actividades de I+D+i, que proveñan da racionalización e adaptación á realidade da oferta existente, que facilite a mobilidade internacional dos estudantes e o intercambio de investigadores con outras universidades e que ofreza formación aos doutorandos sobre coñecementos disciplinares e metodolóxicos, competencias transversais, experiencias formativas e a súa planificación ao longo do programa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2011.