A Estación de Bioloxía Mariña da Graña, exemplo de cooperación entre profesionais e investigadores
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este mércores, cos presidentes das federacións de confrarías galegas, as instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña. Unha visita, explicou a titular de Mar, coa que se busca que as confrarías coñezan de primeira man o potencial investigador que alberga Galicia e que se reflicte en centros coma esta institución científica dependente da USC. Victoriano Urgorri, director da Estación, e Celia Besteiro, vicerreitora de Organización Académica, acompañaron á comitiva no seu percorrido polas instalacións xunto a investigadores do centro.
Deste xeito, engadiu Rosa Quintana, “tamén queremos fomentar vías de colaboración entre ambas partes dentro das accións que desenvolve cada unha”. No caso da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, a conselleira salientou “o seu labor de investigación mariña e asesoramento científico neste eido”. Un labor, especificou, “para o que conta con importantes instalacións e medios como dous laboratorios de investigación, un laboratorio docente, unha sala de mergullo e tres embarcacións para a realización de mostraxes relacionadas coa bioloxía mariña, entre outros”.
Ademais a titular de Mar puxo como exemplo de colaboración entre os profesionais do mar e os investigadores para acadar froitos os proxectos como o europeo CleanAtlantic. Esta iniciativa ten como obxectivo global mellorar as capacidades de previr, monitorizar e reducir o lixo mariño a través da cooperación rexional. Nela participan o Centro Tencolóxico do Mar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, dependentes da Consellería do Mar, e conta coa implicación do sector en accións como a retirada de lixo mariño.
Obxectivos
A Estación de Bioloxía Mariña da Graña ten entre os seus obxectivos fomentar e facilitar a investigación e a docencia na bioloxía mariña, asesorar e difundir os temas relacionados coa fauna e flora mariñas e propiciar o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e Institucións Científicas de España e doutros países.