A Estación Científica do Courel celebra o 16 e o 23 de novembro dúas xornadas de iniciación á micoloxía con saídas ao monte
A Estación Científica do Courel acubillará os vindeiros días 16 e 2 de novembro dúas xornadas de iniciación á micoloxía, que inclúen, ademais de dous relatorios sobre diferenciación, morfoloxía e formas de vida dos cogomelos, saídas ao monte para identificar e recoller setas.
O programa das xornadas programadas para os días 16 e 23 de novembro é idéntico. As sesións comezarán ás 10.00 horas coa recepción dos participantes e un relatorio sobre as formas de vida dos fungos e a morfoloxía dos cogomelos. Logo dunha pausa, a xornada matinal continuará cun segundo relatorio sobre as principais especies comestibles e velenosas. O director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez, e o tamén profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Manuel Antonio Rodríguez Guitián, serán os encargados de impartir estas sesións, nas que tamén abordarán cuestións relativas ás pautas para diferenzas as distintas especies, falsas regras, intoxicación por inxestión de cogomelos, localización das especies de máis interese e incluso apuntarán sinxelas preparacións de cociña. Xa en quenda de tarde, os participantes nestas xornadas de iniciación á micoloxía realizarán, a partir das 16.00 horas, unha saída ao monte durante a que poderán practicar os coñecementos adquiridos para identificar e recoller cogomelos. As persoas interesadas en asistir a estas xornadas de iniciación á micoloxía organizadas na Estación Científica do Courel poden facer a súa inscrición de balde nas propias instalacións da Estación Científica do Courel ou a través dos números de teléfono 648.051.928, 600.942.418 ou 982.82.19.00. O horario de inscrición permanece aberto de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 horas.